Cabezas (PP) deixa a corporación de Ourense e asegura que soubo do pacto con Xácome "minutos antes do pleno"

Cabezas defendeu as súas ofertas e a procura dun acordo con PSOE e BNG, que "non foi posíbel". "Toda a vida dixen que non ía pactar con Xácome e non o fixen".
Manuel Cabezas durante a constitución da corporación ourensá (Foto: Agostime / Europa Press).
photo_camera Manuel Cabezas durante a constitución da corporación ourensá (Foto: Agostime / Europa Press).

O candidato do PP á Alcaldía de Ourense, Manuel Cabezas, admitiu este sábado despois da constitución da corporación que ve "mal" o pacto de investidura que a dirección galega do seu partido subscribiu con Gonzalo Pérez Xácome. Os efectos prácticos son que Xácome ten de novo o bastón de mando municipal e que os populares poderán, en principio, conservar a Deputación.

En declaracións aos medios, Cabezas, quen baseou a súa campaña electoral en garantir que nunca pactaría con Xácome, defendeu que votou a si mesmo -do mesmo modo que o resto de edís- e, tras remarcar que el "non" pactou e sinalar que a cúpula do seu partido é a que debe dar explicacións, manifestou que se irá porque non está "a gusto" onde "non" pode facer o que pensa.

Cabezas defendeu as súas ofertas e a procura dun acordo con PSOE e BNG, que "non foi posíbel". "Toda a vida dixen que non ía pactar con Xácome e non o fixen. Eu non pactei con Xácome, non falei con Xácome en ningún momento, nin tiven coñecemento disto até hoxe", dixo, en declaracións aos medios.

"Que o PP de Santiago explique as razóns. Que o explique o partido na Galiza", instou, antes de asegurar que el coñeceu a existencia do acordo de investidura "pouco antes de chegar ao pleno". "Paréceme mal. Non me parece correcto. Pero é o que hai. O partido terá as súas razóns", esgrimiu.

Admitiu que el faría "encantado" alcalde ao socialista Paco Rodríguez, pero apuntou que a cúpula galega non vía esa opción ao non garantirlle o PSOE poder conservar a Deputación. "Loxicamente, querían garantir a Deputación. Razóns de peso tiveron, pero serán eles os que expliquen como foi porque eu descoñézoo", aseverou.

“Non había unha solución mellor”

Pola súa parte, fontes da dirección galega do PP manifestáronse na liña dos últimos días e apuntan a que PSOE e BNG non lles deixaron outra "saída" en Ourense.

Estas fontes defenden que o PP votou a si mesmo e que, formalmente, "non se apoiou a Xácome". Sostén a cúpula do partido que dirixe Alfonso Rueda que engade que se tentaron buscar outras vías "en todos os escenarios", pero, a pesar de todo, "non foi posíbel atopar unha solución mellor".

A dirección galega do partido entende que os populares fixeron "o que estaba nas súas mans", polo que finalmente "a saída é que goberne a lista máis votada e respectar a vontade da maioría".

Comentarios