Álvarez defende que o PSdeG fixo "todo o posíbel" para propiciar o cambio en Ourense, onde "continuará o caciquisimo"

O portavoz socialista no Parlamento reitera que o BNG é o "socio preferente" e lamenta que o PP xogase "coas cartas marcadas" en Ourense coa finalidade de "seguir co modelo do baltarismo sen Baltar".
O portavoz socialista no Parlamento galego, Luís Álvarez, mostra o acordo asinado no último momento entre Gonzalo P. Xácome e Paula Prado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O portavoz socialista no Parlamento galego, Luís Álvarez, mostra o acordo asinado no último momento entre Gonzalo P. Xácome e Paula Prado. (Foto: Nós Diario)

O portavoz parlamentario do PSdeG, Luís Álvarez, reiterou esta segunda feira ante os medios que a súa formación fixo "todo o posíbel" para propiciar o cambio político en Ourense após o mandato de Gonzalo Pérez Xácome, e augurou que mentres siga o Partido Popular na Deputación continuará o "caciquismo e o escurantismo" nas institucións ourensás. Preguntado en rolda de prensa polo pacto alcanzado entre Xácome e o Partido Popular —auspiciado pola súa secretaria xeral, Paula Prado, a primeira hora do sábado, pouco antes da investidura—, Álvarez insistiu en que os socialistas fixeron "todo o posíbel sempre da man do BNG", o seu "socio preferente", dentro das negociacións "frenéticas na provincia e na cidade".

Porén, lamentou que "había xogadores coas cartas marcadas na partida" e lembrou que, a pesar de que tanto o líder do PP na Galiza, Alfonso Rueda, como a propia Paula Prado aseguraron que traballarían para que Pérez Xácome "non volvese ser alcalde", o día 17 apareceu un documento "con sinaturas tanto de Xácome como dunha persoa por delegación de Paula Prado" co compromiso para garantir que Democracia Ourensá mantivese a Alcaldía e o PP, a Deputación.

"Por tanto, confírmase que o PP está disposto a facer calquera cousa para manter a Deputación de Ourense e seguir co modelo do baltarismo sen Baltar, mantendo toda a rede de influencias para manter o control e a repartición de axudas aos concellos", sinalou Álvarez.

Tamén considerou que o Partido Popular "non ten ningún tipo de escrúpulos" e que "pouco lle preocupa o benestar e a limpeza das institucións". "Aínda temos os tímpanos vibrando con determinados audios de Xácome que poñen en cuestión a limpeza democrática e de xestión", dixo.

Por iso, e logo de incidir en que o PP perdeu unha "oportunidade de ouro" para acabar cun goberno "nefasto" para a cidade, sostivo que o PP e o seu candidato local, Manuel Cabezas, deberían explicar por que non votaron a favor do socialista Paco Rodríguez para que fose alcalde e por que "seguiu o pacto imposto esa mesma mañá desde a dirección do PP en Santiago".

Negociacións

Aliás, preguntado polas negociacións do PSdeG con Gonzalo Pérez Xácome despois de que transcendese unha foto do secretario de Organización socialista, José Manuel Laxe, co alcalde de Ourense no aparcadoiro da Cidade da Cultura de Santiago, Luís Álvarez sostivo que o que a súa formación fixo foi "escoitar a todo o mundo".

"E a foto foi dun encontro propiciado polo propio Xácome, ao que Laxe acudiu porque quería ter todas as cartas da baralla para xogar a partida, pero outros tiñan as cartas marcadas", denunciou o portavoz parlamentario.

Comentarios