Apenas 300 persoas seguiron o mitin

​Villares reivindica o exemplo dos “alcaldes do cambio” arroupado por Ada Colau

“Un país xusto é solidario e igualitario, por iso os alcaldes do cambio dades exemplo coa renda social básica como paso previo ao que faremos na Xunta”, afirmou o candidato de En Marea.

Mitin de Villares na Coruña con Colau (Foto: En Marea)
photo_camera Mitin de Villares na Coruña con Colau (Foto: En Marea)

En Marea celebrou este sábado un mitin onde xuntou os principais referentes a nivel municipal que fan parte da confluencia. O candidato á Presidencia da Xunta, Luís Villares, reivindicou para este 25 de setembro o exemplo iniciado polos “alcaldes do cambio”, que participaron no acto electoral, seguido por apenas 300 persoas nos xardíns de Méndez Núñez da Coruña.

“Nós podemos presumir de amigos que comparten as loitas polos dereitos sociais. Outros non poden subir os seus amigos aos escenarios, poden subilos aos iates, pero non aos escenarios. Sería divertido ver a Atila Nuñez Feijóo compartindo escenario con Rita Barberá e con Rus”, salientou Villares, que engadiu que “o PP nestas eleccións está empeñado en ocultar o seu nome para que non o identifiquen co partido dos recortes e da destrución deste país. Avergóñanse e queren ocultar o que son. A derrota de Feijóo en Galicia será a derrota de Rajoy no conxunto do Estado”.

Cando se perciben as inxustizas é sinxelo dar paso para poder combatelas, non ten mérito sacar a toga.

O aspirante de En Marea falou tamén das súas motivacións para candidatarse á Xunta. “Cando se perciben as inxustizas é sinxelo dar paso para poder combatelas, non ten mérito sacar a toga”, asegurou. “Un país xusto é solidario e igualitario, por iso os alcaldes do cambio dades exemplo coa renda social básica como paso previo ao que faremos na Xunta”.

A alcaldesa de Barcelona, Ada Colau, arroupou o candidato de En Marea durante o mitin. “Como Ada cidadá veño a escoitar e aprender do pobo galego que tantas veces se mobilizou na defensa da súa terra e da súa xente, como fixestes no Nunca Máis, apagando lumes estes verán, no 15M e como faredes o 25 de setembro nas institucións”, sinalou a rexedora. 

Falaron tamén os nomeados “alcaldes do cambio” Xulio Ferreiro, rexedor da Coruña, Martiño Noriega, de Compostela e Jorge Suárez, de Ferrol, así como o número un de En Marea pola Coruña, Antón Sánchez, e a número dous da lista, Luca Chao. O partido instrumental centrou esta fin de semana de campaña nas cidades do país co apoio de líderes da formación no Estado, coa presenza da propia Colau este sábado tarde en Vigo e, o domingo, do secretario político de Podemos, Íñigo Errejón, que pasará por Pontevedra e Ourense.

Comentarios