Vilares pide a baixa temporal do PP e Prado di que, ao contrario que Rueda, coñeceu esta semana a denuncia por agresión sexual
O ex conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, solicitou esta quinta feira a baixa temporal do PP despois de renunciar ao seu cargo na Xunta da Galiza, un paso que formalizou na pasada xornada. Fíxoo debido á súa condición de investigado por suposta agresión sexual a raíz dunha denuncia presentada meses atrás.
Nunha comparecencia na sede do partido, despois de que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmase que coñecía desde febreiro a denuncia por suposta agresión sexual, a secretaria xeral do PP na Galiza, Paula Prado, afirmou que ela tivo coñecemento da situación esta mesma cuarta feira.
Prado tamén trasladou que Vilares pediu a súa baixa temporal na formación e engadiu que, "como non podía ser doutro xeito", a dirección do PP aceptouna. A número dous da formación, quen aproveitou para desexar "o mellor" a Marta Vilaverde, a sucesora de Vilares á fronte da Consellaría do Mar, indicou que a Administración galega "ten que seguir".
Tamén reiterou a súa confianza en que a situación de Vilares "poida resolverse canto antes" e que poida "demostrar canto antes a súa inocencia". "Dimitir é un xesto que lle honra para poder defenderse no ámbito que corresponde, que é o xudicial", esgrimiu.
Sen valoracións sobre o coñecemento de Rueda da situación
Sobre o feito de que Rueda coñecese a denuncia desde febreiro, evitou facer valoracións máis aló de remitirse ás súas palabras, e sobre as críticas dos seus rivais políticos replicou que "é evidente a diferenza de proceder" de Vilares ao que sucede "noutros partidos". "Creo que non hai ningún tipo de comparación", resolveu.
