Rueda sabía desde febreiro da denuncia por agresión sexual contra Alfonso Vilares
A preguntas dos medios tras asumir o seu cargo a nova conselleira do Mar, Marta Vilaverde, o xefe do Executivo galego recoñeceu que era sabedor da denuncia que pesaba sobre Alfonso Vilares por agresión sexual desde o mes de febreiro, cando o ex consellerio do Mar o informou após prestar declaración polo caso que finalmente o obrigou a dimitir.
"No mes de febreiro Vilares comunícame que recibe unha chamada da comisaría Ferrol na que lle din que hai unha denuncia contra el e se desexa prestar voluntariamente declaración. El acode, presta declaración e coméntame que é unha denuncia por uns feitos dun par de meses antes. Presta declaración, cousa que me comenta cando acaba de facela, e o que lle digo é que calquera outra novidade ou pronunciamento, que me manteña informado", declarou Alfonso Rueda.
Desde entón, o presidente galego asegura que non volve ter ningunha outra comunicación até que a pasada semana, cando "a sexta feira pasada recibimos na Xunta unha comunicación do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) preguntando se Vilares é aforado". Xa entrada esta semana, recoñeceu o presidente da Xunta, o até agora conselleiro do Mar informouno de que recibira unha notificación coa súa "imputación" e o anuncio de apertura de dilixencias. "En canto se produce, tomamos decisión que vostedes xa coñecen".
A preguntas dos e das xornalistas que esta quinta feira asistiron á toma de posesión da nova conselleira do Mar, Rueda admitiu coñecer o motivo da denuncia e da declaración de Alfonso Vilares. "El cométame o que lle din ao chegar a comisaría, as circunstancias, e faime un pequeno resumo. Explícame a situación e a súa actuación. Eu dígolle que calquera pronunciamento que se produza que me informe".
Renuncia en febreiro
Sobre a renuncia do ex conselleiro a presentar a súa dimisión xa no mes de febreiro, Rueda apelou á prudencia e aos tempos da xustiza. "Fixemos o que tiñamos que facer. Houbo unha denuncia, presta declaración e temos que estar ao que decida o xulgado. O que fixeron foi a súa imputación para que poida declarar acompañado dun avogado. Iso foi o que motivou a súa separación. El pediuno e eu aceptei a súa saída do Goberno. Creo que é o correcto", afirmou.
A respecto do desenlace do caso, Rueda dixo confiar na xustiza. "Ao contrario do que estamos a ver, non me oirán nunca criticar xuíces. Creo que agora [Vilares] toma a decisión adecuada, renuncia ao aforamento", o que devolverá o caso a un xulgado da xustiza ordinaria. "Desexo o mellor para el, pero quen ten que pronunciarse é a xustiza", resolveu.
