Dimite o conselleiro do Mar ao estar investigado por acoso sexual
Na tarde desta quinta feira, Alfonso Vilares convertíase no protagonista indiscutíbel do día ao anunciar, nunha comparecencia convocada tan só dúas horas antes na sede central do Goberno galego, a súa dimisión como conselleiro de Mar e como deputado no Parlamento da Galiza.
Fíxoo meses despois de ser denunciado por un suposto caso de agresión sexual. Segundo comunicou el mesmo na intervención da tarde desta quinta feira, a pasada terza, 3 de xuño, recibía a notificación do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) que o informaba da súa condición de aforado. De feito, fontes do TSXG recoñecen o comezo inminente das dilixencias que ían practicarse nun caso que xa fora admitido a trámite polo Alto Tribunal.
Coa dimisión de Vilares e a conseguinte perda da súa condición de aforado, a denuncia volverá ao xulgado de Ferrol, onde fora presentada meses atrás. O ex conselleiro, parco en palabras na súa comparecencia fechada ás preguntas dos medios, apuntou que o caso no cal está investigado pertence á súa "esfera estritamente persoal". Aínda que Vilares non se referiu á natureza dos feitos que se lle imputan, fontes coñecedoras do caso trasladaron que a denuncia ten a ver cun presunto delito contra a liberdade sexual.
"Non quero que poida afectar a Xunta ou a institucións autonómicas", engadiu o ex titular do departamento do Mar, que se declarou "absolutamente inocente" a respecto dos feitos polos que foi denunciado. Engadiu que centrará todas as súas "forzas" na súa defensa xudicial. "Dimitir para defenderme dunha denuncia da que sei que son totalmente inocente é unha decisión moi difícil, pero estou convencido de que é a correcta", concluíu, para acabar agradecendo a confianza do seu equipo e do presidente Rueda.
Precisamente, a través dun comunicado de prensa no cal a Xunta da Galiza deu a coñecer o decreto de nomeamento de Marta Vilaverde como nova conselleira do Mar, Alfonso Rueda agradeceu a Vilares "o seu traballo e dedicación á fronte da Consellaría", desexándolle unha "pronta resolución" do proceso xudicial en que está inmerso en calidade de investigado –a figura coñecida anteriormente como imputado–. Posteriormente, en declaracións á prensa, expresou, "espero que se faga xustiza cando antes e que poidamos recuperalo para a vida pública".