Marta Vilaverde toma posesión como nova conselleira do Mar pedindo "xustiza" para Alfonso Vilares
A nova conselleira do Mar, Marta Vilaverde, tomou posesión do cargo cunha defensa do seu antecesor. Así, desexou que "se faga xustiza" con Alfonso Vilares, sobre quen dixo que o "honra" dimitir por "un asunto do seu ámbito persoal". Ao igual que resaltou o presidente da Xunta da Galiza na súa intervención, a nova responsábel de Mar confía en que o ex conselleiro poida "retomar" tamén a súa "vida pública".
Vilaverde agradeceu a "confianza" de Alfonso Rueda para o cargo que comeza a exercer este 5 de xuño, e agradeceu, igualmente, o traballo e apoio do seu predecesor.
Pola súa parte, Alfonso Rueda, tamén desexou que "se faga xustiza", e sexa "canto antes", co até agora conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, após dimitir por estar investigado após unha acusación de agresión sexual.
Na súa intervención na toma de posesión de Marta Vilaverde como nova conselleira , Rueda dixo que lle desexa a Alfonso Vilares "toda a sorte do mundo", pois quere "poder recuperalo para a vida pública", aínda que mostrou o seu "absoluto respecto" pola xustiza. "Grazas, Alfonso, por todo o teu traballo", afirmou o titular do Goberno galego sobre un labor como conselleiro que define como "magnífica".
Rueda, coñecedor desde febreiro
A preguntas dos medios, o xefe do Executivo galego recoñeceu que era sabedor da denuncia que pesaba sobre Vilares desde o mes de febreiro, cando o ex consellerio do Mar o informou após prestar declaración polo caso que finalmente o obrigou a dimitir. A denuncia por agresión sexual contra Vilares data de finais de ano.
O conselleiro dimitido asistiu tamén no Pazo de Raxoi á toma de posesión da súa sucesora, nun ambiente de grande expectación no que non fixo ningunha declaración mais si recibiu numerosas mostras de cariño por parte dos seus compañeiros de Goberno.
[EN AMPLIACIÓN]
