A Valedora do Pobo abre expediente polo patrocinio do concerto de Guns N’ Roses en Vigo

Pedirá ao Goberno local que informe nun prazo de 15 días sobre as causas para denegar o acceso á documentación por parte do resto de formacións políticas
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)
photo_camera O alcalde de Vigo, Abel Caballero, en rolda de prensa. (Foto: Europa Press)

A Valedora do Pobo abriu un expediente polo caso do patrocinio do concerto de Guns N’ Roses levado a cabo en Vigo, ante a denuncia presentada polo Bloque Nacionalista Galego (BNG) pola "opacidade" do Concello.

En concreto, admitiu a trámite esta actuación ao entender que reúne os requisitos formais necesarios. Por iso, pedirá ao Goberno local que informe nun prazo de 15 días sobre as causas para denegar o acceso á documentación por parte do resto de formacións políticas.

O BNG solicitou amparo o pasado 10 de xuño ante a "opacidade" do goberno de Abel Caballero para facilitar o acceso do grupo municipal a todos os expedientes relativos ao “polémico” contrato de patrocinio do concerto que, finalmente, foi declarado deserto.

"Non imos permitir que Caballero siga escapando e tratando de esconder este caso debaixo da alfombra", advertiu o portavoz dos nacionalistas no Concello de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, que ve "numerosos indicios de irregularidades" na actuación do Executivo local.

Todo iso despois de que no pasado mes de abril o Concello iniciase un expediente para licitar un patrocinio publicitario destinado ao concerto dun grupo internacional "a celebrar no estadio de Balaídos entre o 5 e o 27 de xuño", precisamente nas datas que os Guns N' Roses actuarían en Vigo, para que a promotora puidese acollerse a esta licitación, tras unha negociación previa co Concello.

Finalmente, isto non puido producirse e o evento realizouse sen o diñeiro público, a pesar de que foi a promotora a única empresa que se presentou a esa licitación.

A partir de aí, os organizadores anunciaron accións xurídicas e legais contra o Goberno local e contra o propio alcalde, asegurando que contan cun documento asinado en e que se comprometía ao pago dunha subvención. Con todo, Caballero non deu explicacións ao respecto.

Comentarios