Caballero "desvincúlase" agora do concerto de Guns N' Roses en Vigo

O Concello vigués deixa en mans da organización realizar o evento.
Concerto da banda de hard rock norteamericana Guns N' Roses. (Foto: Guns N' Roses)
photo_camera Concerto da banda de hard rock norteamericana Guns N' Roses. (Foto: Guns N' Roses)

O Concello de Vigo desvinculouse dos "problemas" que poida ter a empresa organizadora para levar adiante o concerto de Guns N' Roses, previsto para o próximo 12 de xuño no estadio municipal de Balaídos, despois de que a Mesa de Contratación do Concello propuxera declarar deserta a licitación para un patrocinio publicitario para este evento (cun orzamento base de 1,5 millóns de euros).

A administración municipal desvinculouse da organización do evento, aínda que o certo é que o propio alcalde, Abel Caballero, confirmou a actuación en rolda de prensa en febreiro, congratulándose porque a cidade olívica sería a única do Estado, xunto con Madrid, incluída na xira da banda. Igualmente, asegurou que recibira "ducias e ducias de parabéns" polo concerto de Guns N' Roses. 

"Ten que dar a cara"

O PP de Vigo referiuse aos problemas xurdidos co patrocinio do concerto e a súa presidenta e concelleira electa, Marta Fernández-Tapias, sinalou que se trata doutro "fracaso máis" do Goberno socialista vigués na xestión de fondos públicos. "Haberá que ver se non ten consecuencias legais", advertiu. 

O concelleiro e portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, tamén tivo palabras críticas para o Goberno local, e sinalou que non hai precedentes noutras cidades de que, a 10 días da actuación e con milleiros de entradas vendidas, un concerto desta envergadura poida "estar no aire". "Está claro que os atallos pola porta de atrás poden conducir a canellas sen saída", apuntou sobre as "evidentes sospeitas de irregularidades" na licitación. O nacionalista exixiu "explicacións" e proclamou que  "quen se quixo apuntar o éxito de traer a Guns N' Roses a Vigo ten que dar agora a cara".

Comentarios