O BNG exixe explicacións a Abel Caballero polo "fracaso" do patrocinio do concerto de Guns N Roses

Pérez Igrexas tamén preguntou ao rexedor "que grupos van tocar" no festival de rock anunciado polo propio Abel Caballero, e que supostamente se ía celebrar estes días como 'aperitivo' ao concerto da banda norteamericana, que terá lugar o 12 de xuño no estadio de Balaídos.
Xabier Pérez Igrexas (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xabier Pérez Igrexas (Foto: Nós Diario).

O último pleno decorrido no Concello de Vigo antes da constitución da próxima corporación, saída das urnas o pasado 28 de maio, serviu para que BNG e Marea puxesen sobre a mesa a licitación, declarada deserta, dun patrocinio municipal por 1,5 millóns de euros e pedisen explicacións ao alcalde por esta tramitación.

A sesión plenaria foi convocada para dar a aprobación definitiva a unha modificación orzamentaria que permitirá destinar 1,8 millóns de euros adicionais ao festival O Marisquiño e aos concertos de verán en Castrelos.

Na súa intervención, o concelleiro do BNG, Xabier Pérez Igrexas, aproveitou para lanzar varias preguntas ao alcalde. "Cando pensa dar explicacións sobre o fracaso do patrocinio ao concerto de Guns N Roses, cuxa licitación quedou deserta a pesar de que as bases do concurso se fixeron ad hoc?", cuestionou o edil nacionalista.

Pérez Igrexas tamén preguntou ao rexedor "que grupos van tocar" no festival de rock anunciado polo propio Abel Caballero, e que supostamente se ía celebrar estes días como 'aperitivo' ao concerto da banda norteamericana, que terá lugar o 12 de xuño no estadio de Balaídos.

Finalmente, lanzou outras dúas preguntas: "Cando vai deixar de castigar as bandas locais? Cando vai deixar de tomar o pelo aos cidadáns con anuncios que acaban sempre en promesas incumpridas?".

Marea

Na súa quenda, o portavoz en funcións de Marea de Vigo, Rubén Pérez Correa, tivo oportunidade de despedirse despois de que a súa candidatura quedase fóra do Concello tras os comicios, e proclamou que fora "unha honra" facer política no consistorio, á vez que anunciou que seguirá "facendo política" desde onde os colocou a cidadanía.

Con respecto á polémica pola licitación deserta do patrocinio para o concerto, Pérez Correa censurou que esa actuación, do mesmo modo que as modificacións orzamentarias para concertos, teñen como finalidade "regar de diñeiro a medios", e subliñou que o concurso para ese patrocinio estivo "teledirixido".

Comentarios