A Xunta prevé gastar perto de 20.000 euros na instalación dun cruceiro en Miami

O PSdeG pregunta ao Goberno galego "en que vai contribuír" a instalación desta escultura a "solucionar as demandas sociais, sanitarias e económicas" das persoas emigrantes nos Estados Unidos.
Os cruceiros son elementos cun forte arraigamento por todo o país. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Cruceiros do Calvario de Beade (Foto: Nós Diario).

O deputado do PSdeG Pablo Arangüena preguntou esta cuarta feira no Parlamento galego "en que vai contribuír para atender as necesidades da Galiza no exterior" o proxecto para instalar un cruceiro de pedra nun parque de Miami, financiado con 19.500 euros pola Xunta, segundo figura no convenio de colaboración entre a secretaría xeral da Emigración e a Asociación de Empresarios e Profesionais Galegos dos Estados Unidos (Aegusa).

Fíxoo na xuntanza da comisión 1ª, durante a comparecencia do director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, a quen pediu explicacións sobre a "utilidade" que vai ter esta iniciativa para "solucionar as demandas sociais, sanitarias ou económicas" dos galegos e galegas residentes no estranxeiro, que son "inxentes".

Ao mesmo tempo, tamén quixo saber que relación que vai ter este elevado gasto nunha escultura co cumprimento dos obxectivos da Estratexia galega de acción exterior. "A instalación deste cruceiro é, precisamente, un exemplo paradigmático da falta de criterio e de transparencia con respecto á execución, os custos e o grao de cumprimento dos obxectivos da propia estratexia", censurou.

Nesta liña, Arangüena lamentou que a propia comparecencia de Gamallo "non serviu absolutamente para nada" e estivo moi lonxe de ser "esclarecedora e ilustrativa", xa que non se fixo "ningún tipo de valoración" sobre as actividades desenvolvidas, "tal e como pide a letra e o espírito da lei".

"O que nos contou", lamentou Arangüena, "foi unha relación de viaxes de Feixoo, dos conselleiros e dos directores xerais, mais non valorou cal foi a repercusión de cada unha desas viaxes e así non ten ningún sentido".

Por iso, o deputado do PSdeG instou á Xunta a presentar no Parlamento un "informe detallado" no que, alén dunha mera relación de actividades, "se poña en relación o seu custe e o seu beneficio e se determine a súa aliñación cos obxectivos recollidos na Estratexia galega de acción exterior".

Resposta da Xunta

Pola súa parte, Gamallo esgrimiu que a "colectividade" de galegos e galegas en Miami "ten todo o dereito a ter os símbolos do seu país" na cidade onde residen. O cruceiro instalarase no parque Bayfront, un dos "máis visitados" nunha das cidades "máis turísticas do mundo", dixo.

Comentarios