18-F

As últimas enquisas publicadas agudizan a tendencia á baixa do PP

López, Ayuso, Rueda, Moreno e Mañueco na convención do PP do domingo na Coruña. (Foto: Europa Press).

As enquisas referidas ás eleccións galegas coñecidas nos últimos días veñen agudizar as tendencias apuntadas nas publicadas a pasada fin de semana. Así, mentres o BNG continúa á alza e o PSdeG recupera posicións, o PP segue á baixa, situándose no gume de perder a maioría absoluta. Ademais, a maioría das sondaxes deixan Sumar e Vox fóra do Parlamento.

A baixada do PP é algo que dan por feito todas as sondaxes. O estudo difundido por Electomanía na noite do domingo deixa os populares en 38 escanos, un menos que os outorgados nas anteriores entregas. Neste caso, a representación coincide coa asignada por GAD3 nun estudo interno encargado polo PP para preparar a campaña electoral. Nunha dirección análoga, a enquisa de Sigma Dos publicada esta segunda feira por El Mundo coloca o PP na franxa de 38 e 40 escanos, entre dúas e catro actas menos das que posúe na actualidade.

BNG

As sondaxes volven reiterar a tendencia á alza do BNG. A de Sigma Dos asígnalle entre 18 e 19 escanos e os estudos de Electomanía e o de GAD3 outórgalle 22, tres máis que a representación actual. Neste punto, os demóscopos consultados por Nós Diario recoñecen unha importante marxe de mellora para o BNG, dada a elevada valoración da súa candidata, Ana Pontón, cuns niveis de coñecemento semellantes aos do actual presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, e por concentrarse as taxas máis elevadas de abstencionistas, persoas indecisas e "opacas" naqueles sectores ideolóxicos onde máis se vota BNG.

O PSOE xa se atopa por enriba da súa porcentaxe e representación de 2020. Mentres nos comicios de hai catro anos, ficou en 14 escanos, as enquisas coñecidas nos últimos días outórgalle entre 14 e 17. Os mellores resultados proceden da enquisa de Sigma Dos, que lle asigna entre 15 e 17 actas, deixándoos GAD3 en 15 e Electomanía por baixo. Así e todo, os demóscopos consultados por este medio avanzan unha dura batalla entre o PSdeG e o PP polo voto do electorado máis centrista, pois arredor de 20% dubida entra unha e outra forza.

A entrada doutras formacións no Parlamento da Galiza semella complicada. Aínda así, Sigma Dos outórgalle unha acta a Sumar e Electomanía outra a Democracia Ourensá. Nesta liña, agárdanse chiscadelas do BNG e do PSdeG á base electoral da formación liderada por Marta Lois co obxectivo de que a división do voto na esfera da esquerda non favoreza no reparto dos restos o Partido Popular. Na mesma dirección, o PP pelexa polo electorado da formación ultraespañolista Vox, que o conxunto dos estudos deixan fóra da Cámara galega.

Entre a preocupación e as expectativas

As enquisas coñecidas nestas dúas últimas semanas xeran preocupación no PP e expectativas no BNG e o PSdeG. Só a sondaxe de Sigma Dos coloca os populares por riba de 45% en estimación de voto, unha porcentaxe coa que perdeu a maioría absoluta no Parlamento galego en 2005. Ademais, o estudo de Electomanía coloca a suma de voto de nacionalistas e socialistas por encima dos populares.

A xestión da Xunta da Galiza na "crise dos pellets" sitúa a campaña nun novo escenario. A falla de que as sondaxes recollan o seu impacto na intención de voto, os demóscopos consultados entenden que favorece a mobilización do electorado de esquerdas e unha alza na participación.