18-F | Vídeo

Nova polémica na TVG tras dedicar dous minutos a falar do Rueda "máis próximo" e "educado con bos valores"

"Os vídeos 'cuquis' dos outros partidos non os vimos, non?", censuran desde a CUT.
Extracto do vídeo publicitario do PP emitido no Telexornal da TVG. (Foto: TVG)
photo_camera Extracto do vídeo publicitario do PP emitido no Telexornal da TVG. (Captura: TVG)

A piques de facer 300 semanas de mobilizacións ininterrompidas por parte do seu persoal, as polémicas non cesan na TVG a respecto da cobertura electoral de cara ao 18 de febreiro. A última delas chegou no Telexornal desta cuarta feira, cando a canle pública dedicou case dous minutos a informar do vídeo de campaña do Partido Popular no que familiares e amizades falan do lado "máis persoal" do presidente da Xunta da Galiza e candidato á reelección, Alfonso Rueda.

Na peza, que recolle boa parte das imaxes promocionadas polo PP, apréciase unha voz en off que resalta varias desas características que atribúen a Rueda os seus achegados, como que é unha persoa "con moito humor", que foi educado "con bos valores" ou que no bar se comporta "como unha persoa calquera".

Desde a CUT, un dos sindicatos que representan as e os traballadores da CRTVG, afirman que se trata de "propaganda gratuíta" que non se dá no caso doutras formacións políticas. "Os vídeos 'cuquis' dos outros partidos non os vimos, non?", censuran.

De feito, son moitas as críticas ao escaso tempo dedicado nos programas informativos aos actos de precampaña das forzas da oposición. E a propia corporación pública decidiu deixar fóra da súa cobertura electoral a Democracia Ourensá, formación que podería ter a chave da gobernabilidade e que disputa directamente os votos ao PP na circunscrición de Ourense.

Na folla de ruta da CRTVG de cara ao 18-F, difundida por elDiario.es, prevense unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas... cuns tempos bastante desiguais que defende argumentando a representatividade actual de cada unha delas. Así, as entrevistas a Podemos e Sumar durarían 5 minutos cada unha; a do PSdeG, 9; a do BNG, 11, e a do PP, 20.

Tamén se ve reducido o tempo total de cobertura diaria da campaña, que pasa dos 370 segundos na televisión e 419 na radio dos comicios de 2020 a unicamente 260 segundos.

Comentarios