Con 98,8% do escrutinio

Erdogan gaña o referendo constitucional con 51,3% dos votos

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, denuncia as trabas aos observadores internacionais e aos interventores da oposición na rexión curda de Diyarbakir

04mani

O presidente turco Recep Tayyip Erdogan conseguiu que 51,3% da poboación turca con dereito a voto e que ao longo da xornada de hoxe quixo emitir o seu voto (uns 24,8 millóns) apoiase a reforma constitucional que ampliará os seus poderes como xefe de Estado e de Goberno e limitará sensibelmente a actividade de control parlamentar. O reconto foi minguando centésima a centésima a diferenza entre o "si" e o "non" até situarse en 51,3%-48,7% cando o escrutinio alcanzara 98,8%. O resultado, en calquera caso, está moi lonxe do que o propio Erdogan consideraba un "bo resultado", na contorna de 60%. Porén, co triunfo do "si" no referendo de hoxe, o presidente terá máis facilidades para gobernar por decreto, declarar o Estado de emerxencia ou elixir a cúpula do aparato xudicial.

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, que está desde a sexta feira en Turquía para facer parte da equipa de observadores internacionais que está a acompañar o Partido Democrático do Pobo (HDP) curdo neste proceso, denunciou os atrancos que sufriron non só eles mesmos, con restricións de acceso aos colexios eleitorais, control continuo de pasaportes e acreditacións e outras presións. Tanto a oposición como a delegación francesa do HPD en Esme, que foron expulsados dun colexio eleitoral, cualificaron de "pouco transparente" a xornada. De feito,a Comisión Superior Eleitoral do propio Estado turco anunciou ao longo do horario de votacións que validaría os votos que non levaran o carimbo, unha medida que o Partido Republicano do Pobo tacharon de fraude". 

A celebración deste plebiscito ten lugar nove meses despois dun intento de golpe de Estado que desatou unha forte represión na oposición, o Exército e a intelectualidade turca, alén de intensificar á que tradicionalmente se viña sometendo ao pobo curdo. Erdogan abusou do estado de emerxencia para reprimir a poboación, con masivas violacións de dereitos, como o dereito á educación e ao traballo co peche dun milleiro de escolas e 15 Universidades; o despedimento de case 5.000 ensinantes, moitos sindicalistas do ensino, botando á rúa 134.000 funcionarios públicos; pechando medios de comunicación e metendo na cadea máis de 200 xornalistas. A represión contra os curdos intensificouse en 2015 con ataques ás zonas autónomas curdas, con toques de queda sistemáticos, asasinatos, anulación da autonomía local curda con decretos centralizadores e encadeamento de dirixentes turcos, segundo denunciaron. 

Comentarios