Ana Pontón anima a votar para decidir o futuro da Galiza

 A candidata do BNG pasou a mañá do sábado de reflexión coa familia e amizades no entorno da praza de Abastos de Compostela, desde onde fixo un chamamento ás persoas que aínda non decidiron o seu voto a pensar en que Galiza queren vivir e con que Galiza soñan.

Ana Pontón pasea en familia pola praza de Abastos na xornada de reflexión (Imaxe: Arxina)
photo_camera Ana Pontón pasea en familia pola praza de Abastos na xornada de reflexión (Imaxe: Arxina)

A candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, aproveitou a xornada de reflexión para compartir a mañá con familiares e amizades na praza de Abastos de Compostela.

Desde alí, a nacionalista chamou a cidadanía a votar este domingo e a expresarse nas urnas” porque estamos no momento de “definir a Galiza do futuro”.

Pontón pediu á xente que “participe activamente” e que pense “que Galiza quere construír, con que Galiza soña e que vote pensando en facer realidade ese soño”. “Estamos nun momento decisivo para o noso País e hoxe é o día en que as persoas que non teñan decidido o seu voto pensen na opción que máis as convence”.

A nacionalista agradeceu a todas ás persoas, militantes e non militantes, a súa colaboración no proceso electoral, “sen elas”, dixo, “sería imposíbel realizar esta campaña porque nun primeiro momento parecía unha campaña moi difícil pola situación da Covid-19, mais conseguimos ilusionar moitas persoas ao redor do noso proxecto e iso fai que a política teña moito máis sentido”, recoñeceu Pontón.

Comentarios