mércores 08/12/21

A transferencia da AP-9 á Galiza pasa a primeira proba no Congreso

A lei do Parlamento galego que procura a transferencia das competencias da autoestrada AP-9 do Estado á Galiza pasou a súa primeira proba no Congreso dos Deputados. O traspaso do viario é de lonxe unha reivindicación do Parlamento galego, mais atopou dúas veces o veto do Goberno español de Mariano Raxoi.  
Diego Calvo (PP), Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG) defenderon no Congreso o traspaso da AP-9 (Foto: E.Parra / Europa Press)
Diego Calvo (PP), Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG) defenderon no Congreso o traspaso da AP-9 (Foto: E.Parra / Europa Press)

A autoestrada do Atlántico está máis perto de ser galega. A Lei orgánica de transferencia da titularidade e competencias da AP-9 á Galiza foi tomada en consideración polo Congreso esta terza feira, 2 de febreiro, co voto favorábel de todos os grupos, salvo Vox.

Previamente presentáranse tres propostas co mesmo fin, que foran aprobadas por unanimidade no Parlamento galego. A primeira foi en 2016, a partir dunha iniciativa lexislativa promovida polo BNG, e que resultou vetada polo Goberno de Mariano Raxoi, impedindo que o debate chegase ao pleno do Congreso, ao igual que aconteceu en 2017 co novo acordo subscrito por todos os grupos da Cámara Galega. Finalmente a proposta tomouse en consideración en 2018, mais o trámite non puido continuar ao pór fin á lexislatura o presidente Pedro Sánchez e convocar eleccións. 

A AP-9 está no albo da crítica logo de que o 1 de xaneiro subiran as peaxes 0,92%, cando, excepto noutros dous viarios do Estado, en todos baixaron os prezos.  

Seguen as portaxes?

A transferencia da AP-9 non implica a rebaixa das portaxes, xa que o contrato coa concesionaria non remata até 2048. Porén, si axiliza que se leven a cabo bonificacións e mesmo posíbeis supresións ao ser a Administración galega quen poida negociar e decidir esas medidas directamente, en lugar do Estado.

Con todo, polo de agora, aínda están pendentes de aplicarse as bonificacións e descontos contemplados nos Orzamentos Xerais do Estado para 2021, un compromiso que o PSOE selou co BNG no acordo de investidura, e que implican descontos  para usuarios recorrentes, gratuidade do tramo Vigo-Redondela e a asunción polos orzamentos do incremento de tarifas acumulativo durante 20 anos. Os orzamentos do Estado computan 54,9 millóns de euros para este fin.

Quen pagará os descontos?

Pódese pensar que se nos vindeiros anos a Xunta decidise aplicar rebaixas nas portaxes serían as galegas e galegos quen cargarían cos custos de compensar a concesionaria a través das arcas públicas.

A información galega está na túa man!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

Mais non tería que ser a Xunta senón o Estado quen aboase, xa que a proposta do Parlamento sinala que "a Administración Xeral do Estado conservará ao seu cargo, con respecto á sociedade concesionaria da autoestrada AP-9, as obrigas con repercusións económicas e financeiras derivadas da aplicación da concesión en vigor que fosen motivadas por modificacións adoptadas no período en que tivo a competencia".

O debate no Congreso

Para a defensa do traspaso acudiu ao Congreso unha delegación do Parlamento galego, composta polo deputado do PP, Diego Calvo; a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón; e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, que se dirixiron ao hemiciclo para solicitar o voto a prol da admisión a trámite da proposición de lei.

Calvo asegurou que "a Xunta pode xestionar a AP-9 de maneira máis eficiente que o Estado" e remarcou a súa oposición ao incremento da peaxe do pasado 1 de xaneiro "cando noutras comunidades se reduce ou mesmo desaparece". 

Pontón, que tamén instou o Goberno a aplicar de inmediato as bonificacións na AP-9, chamou a “ter unha AP-9 galega e libre de peaxes” e por iso pediu a transferencia, "como primeiro paso para acabar cunha discriminación histórica", apostilando que, "esa transferencia debe realizarse libre de cargas. Queremos unha AP-9 rescatada, igual que rescataron as radiais madrileñas con millóns por parte do Estado".

Para Caballero as portaxes son "unha carga abusiva que limitan a mobilidade e a competitividade" e "fan recadar diariamente á concesionaria máis de 300.000 euros". O socialista agradeceu aos grupos que apoiaron os orzamentos do Estado porque sen eles "as bonificacións non serían viábeis". Reivindicou que os socialistas "non queren romper España, senón que a queren fortalecer na súa totalidade", e engadiu que "a proximidade permite a mellor xestión posíbel".

En nome dos grupos parlamentares do Congreso interviron Guillermo Meixón (PSOE), Celso Delgado (PP) e Néstor Rego (BNG), que se postularon como os seus compañeiros da delegación do Parlamento galego: a prol do traspaso do viario.  

Ademais tamén tomou a palabra o deputado de Unidas Podemos e voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, que criticou que "tras anos de bloqueo do PP e moitas iniciativas presentadas polo seu grupo, hoxe por fin se debate o traspaso da AP-9". Defendeu que a autoestrada está "amortizada" e é "estratéxica", polo que a transferencia debe levar asociada a xestión pública do vial, como xa aconteceu coa AP-1, a AP-4 e a AP-7.

Críticos coa transferencia foron Ciudadanos e Vox, se ben os primeiros anunciaron o voto a prol, por ser acordo unánime do Parlamento galego, polo que os de Santiago Abascal foron os únicos en dicir 'non', cargando contra as transferencias de infraestruturas ás comunidades.

Primeira transferencia

Unha vez votada no Congreso a toma en consideración, a lei galega seguirá o seu curso, despois dos tres intentos falidos anteriores.

Se finalmente ve a luz, pode que se converta na primeira transferencia en 12 anos de Goberno de Alberto Núñez Feixoo na Presidencia da Xunta da Galiza.

Unha longa historia de peaxes

A AP-9 estaría libre de portaxes en 2012 se non for por tres ampliacións da concesión: a primeira, de 15 meses, asinouse en 1977 polo Goberno español da UCD, a segunda foi en 1994, co Goberno de Felipe González, que prolongou as peaxes até o ano 2023 e, finalmente, a última deuse no ano 2000, con José María Aznar, que ampliou a concesión até 2048, pola construción duns escasos 10 quilómetros.

É a autoestrada do Estado á que máis anos de peaxes lle foron sumando.

A transferencia da AP-9 á Galiza pasa a primeira proba no Congreso
comentarios