O Congreso acepta que se tramite a transferencia da AP-9 a Galiza

Diego Calvo (PP) defendeu o traspaso por ser Galiza “sempre leal” a España, Ana Pontón (BNG) enmárcao como un primeiro paso cara a unha “AP-9 galega e sen peaxes” e Gonzalo Caballero (PSdeG) lembrou que era unha “reivindicación histórica”.

Sin nombre

Só Vox dixo non á admisión a trámite polo Congreso da proposición de lei  do Parlamento galego para a transferencia de competencias da AP-9 a Galiza. A extrema dereita de Abascal interpretaba así o papel que a dereita de Ciudadanos interpretou en 2018, cando se opuxo a esa mesma reivindicación na Cámara española. Desta volta, iso si, Cs dixo que ía apoiar a toma en consideración da proposición pero xa advertiu que ía estar “vixiante” durante a tramitación.

Diego Calvo (PP), Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG) foron os encargados, como delegación do Parlamento galego, de defender no Congreso español esa proposta. Empregaron argumentos diferentes mais tamén coincidiron en subliñar a necesidade da trasferencia para Galiza.

Caballero foi o primeiro en intervir. Lembrou que o que defendía esta cuarta feira no Congreso era unha “reivindicación histórica de Galiza”, cargou contra os Gobernos do PP por, dixo, ser responsábeis de adiar este debate e por prorrogar a concesión da AP-9 e manifestou que o traspaso favorece a “España plural”.

O secretario xeral dos socialistas galegos mesmo asegurou que ao PSdeG non lle interesa o debate das transferencias "por ser unha formulación nacionalista" senón porque considera que o traspaso da AP-9 é "importante" para a Galiza e a xestión da infraestrutura. Así mesmo, remarcou que será co Goberno que dirixe Pedro Sánchez co que se tramitará esta lei e acometerase, dixo, unha rebaixa "histórica" das peaxes.

“Galega e libre de peaxes”

A portavoz do BNG defendeu a trasferencia como un primeiro paso de cara a unha AP-9 “galega de libre de peaxes”. Explicou aos congresistas que cdada día 22.000 persoas de media empregan esta infraestrutura clave para a comunicación da Galiza, e “cada día 22.000 persoas son vítimas dunha estafa legalizada que aporta beneficios multimillonarios á concesionaria, pero que lastra a economía de persoas e empresas galegas”.

“A historia da AP-9 é a crónica dunha discriminación a Galiza, a historia dun saqueo que nos custou millóns de euros en peaxes. Acabar con esta discriminación e con esta estafa é o que está detrás de transferencia desta autoestrada”, dixo Pontón.

A nacionalista lembrou que durante estes anos procedeuse ao rescate de radiais madrileñas ou o traspaso de autoestradas a Catalunya e Euskal Herria, mais que iso non se cumpriu con Galiza. Sinalou a AP-9 como exemplo de 2 “atropelos”: a da “discriminación histórica” a Galiza e a de “gobernar de costas á cidadanía e para as multinacionais”.

Na súa quenda, Néstor Rego, deputado do BNG, enfatizou que “en Galiza existe un amplo consenso social sobre a necesidade de que AP-9 sexa rescatada para a xestión pública, libre de peaxes e xestionada desde o noso país. Este é un obxectivo que o BNG impulsou desde hai anos, tanto a nivel social como institucional ”. 

“Lealdade”

Diego Calvo, do PP galego, argumentou que Galiza “sempre foi leal a España” e que por iso nada había a temer da transferencia. "A Xunta pode xestionar a AP9 de maneira máis eficiente que o Estado, e non está de acordo en que se incremente a peaxe, sobre todo cando noutras comunidades redúcese ou desaparece".

Gómez Reino, de Galicia en Común-Unidas Podemos, falou dunha "xornada histórica" que chega despois de anos de "cocesións" á empresa e de "bloqueos" políticos. Reino si alou que a demnada tiña na Galiza un "apoio social amplo" e sinalou que o que hoxe principia debe de ter o seu colofón en que esta autoestrada sexa "pública". 

Os representantes dos diferentes grupos parlamentares foron intervindo para expresar o posicionamento dos mesmos ao respecto. Todos apoiaron admitir a trámite a proposta que chegaba, aprobada por unanimidade, do Parlamento galego. Todos agás Vox, que dixo que votaba en contra por oporse ao “aumento de poder das taifas” e para criticar que en Galiza “un neno non pode aprender na escola en español”.

A iniciativa estabelece a transferencia á Galiza da titularidade e as competencias sobre o réxime de concesión, e as funcións e servizos exercidos até agora pola Administración Xeral do Estado.

Pola súa banda, o Goberno estatal, segundo o texto aprobado polo Parlamento galego, "conservará ao seu cargo, respecto da sociedade concesionaria da autoestrada, as obrigas con repercusións económicas e financeiras derivadas da aplicación da concesión en vigor que fosen motivadas por modificacións adoptadas no período en que tivo a competencia".

Comentarios