PSdeG negocia con Audasa a rebaixa de peaxes até 2048

Gonzalo Caballero explica aos medios as negociacións entre o Goberno do Estado e Audasa polas peaxes da AP-9, durante a súa visita á alcaldesa de Redondela, Digna Rivas.
EuropaPress_3537925_secretario_xeral_psdeg_gonzalo_caballero_alcaldesa_redondela_pontevedra
photo_camera A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, e o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero. (Foto: Europa Press)

O secretario xeral dos socialistas (PSdeG), Gonzalo Caballero, defendeu esta quinta feira as negociacións entre o Goberno de España e a concesionaria da autoestrada AP-9, para a aplicación de bonificacións nas peaxes "con vocación de permanencia até 2048", e reclamou á Xunta da Galiza que "contribúa" economicamente á aplicación do acordo, xa que o Partido Popular (PP) é o "responsábel" de que a concesión remate nesa data.

Após reunirse coa alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, Gonzalo Caballero sinalou que, "nos próximos meses", haberá un acordo para aplicar unha "rebaixa histórica" nas peaxes, así como para a supresión da taxa entre Vigo e Redondela.

O día anterior o PSdeG tombara no Consello de Vigo unha moción presentada polo BNG para acabar coa portaxe do tramo que une ambos os concellos.

Segundo lembrou o líder dos socialistas, o Goberno do Estado español incluíu 63 millóns de euros nos Orzamentos Xerais para financiar esas bonificacións, e tanto PP como BNG votaron en contra desas contas. 

Con respecto á posibilidade de que a negociación se vexa condicionada pola reclamación de compensacións debido á caída do tráfico durante a pandemia, o secretario xeral do PSdeG apostou por manter a "presión" sobre a concesionaria, para "quitarlle calquera cheque en branco".

Ademais, Caballero sinalou que a negociación coa empresa busca un acordo "con vocación de permanencia até 2048", data na que expira a concesión da AP-9 a Audasa, "para que se manteñan nos próximos anos as bonificacións e a supresión da peaxe de Redondela".

Concluíu que gostaría de que "non houbese ningún pago, pero un Goberno de Aznar condenou a facelo, e para que non sexa así hai que pór fondos".

Comentarios