Suspéndese o pleno en Vigo perante as protestas d@s traballador@s

Abel Caballero suspende o pleno entre as protestas de traballador@s que denunciaban a "pasividade e nula interlocución amosada polo goberno municipal" na resolución de cinco conflitos laborais vencellados ao Concello de Vigo.

A sesión desenvolvida esta segunda feira tiña por obxecto a aprobación dos Orzamentos municipais para 2013. Porén, o rexedor da cidade olívica decidiu suspender o pleno por mor dos apupos manifestados por máis de trinta sindicalistas que acudiron á sesión para amosar o seu rexeitamento fronte "a dupla vara de medir do alcalde" asegura no seu comunicado CIG-Servizos.

Entre as persoas asistentes ao pleno atopábanse traballadoras e traballadores das empresas concesionarias dalgúns dos servizos municipais como Linorsa. "Viremos as veces que sexa oportuno até que o Concello deixe de amparar a precariedade e os despedimentos nas contratas", sentenzou María do Tránsito Fernández, secretaria comarcal de CIG-Servizos, quen denunciou a negativa do alcalde vigués "a dialogar cos traballadores" dos distintos conflitos. Cuestión, din desde a central sindical nacionalista, que motiva actos coma o desenvolvido esta segunda feira no Pleno municipal.

E é que Abel Caballero enfronta até cinco conflitos laborais sen resolver. Amais de Linorsa, traballador@s do Marco atópanse perante un futuro laboral incerto após os máis de 200 millóns de euros recortados nos orzamentos para 2013. Segundo a CIG, "A continuidade do Marco están en serio perigo se non se corrixen estes recortes". Tamén así, @s empregad@s do Instituto Municipal de Deporte (IMD) levarán á equipa de goberno de Vigo a xuízo por mor de 11 despedimentos que poderían ser considerados improcedentes --como xa declarou o TSXG a respecto dunha das traballadoras. Neste senso, @s manifestantes apuparon ao rexedor da cidade olívica berrándolle "Caballero cumpre as sentenzas", malia que o alcalde preferiu suspender a sesión en troca de "escoitar as demandas dos traballadores", aseveraron fontes da CIG-Servizos.

Comentarios