Xustiza

O Supremo confirma a inhabilitación do ex alcalde de Coristanco por prevaricación

Antonio Pensado (PP) foi condenado por prevaricación ao autorizar a unha empresa en 2012 que almacenase residuos de demolición e construción nunha leira.
Fachada do Tibunal Supremo. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
photo_camera Fachada do Tibunal Supremo. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)

O Tribunal Supremo vén de ratificar os sete anos de inhabilitación para cargo público aos que foi condenado o ex alcalde de Coristanco (comarca de Bergantiños) Antonio Pensado por prevaricación ao autorizar a unha empresa en 2012 que almacenase residuos de demolición e construción nunha leira. A Sala do Penal, nunha sentenza recollida esta quinta feira pola axencia de noticias Europa Press, rexeita o recurso presentado, como acusación particular, por un empresario que se considerou afectado pola actuación do daquela rexedor.

Pensado foi condenado en 2022 pola Audiencia Provincial da Coruña porque dar esa autorización non entraba nas súas competencias de alcalde, senón que correspondía á Xunta da Galiza a través da súa Consellaría de Medio Ambiente, así como por facelo á marxe de calquera tipo de expediente e sen valorar o impacto ambiental.

O tribunal, que tivo en conta a atenuante de dilacións indebidas, destacou que a resolución do entón alcalde foi "arbitraria e contraria á legalidade" e impuxo a mesma pena aos tres irmáns administradores da compañía beneficiaria. Os xuíces entenderon que Pensado, que foi alcalde do municipio entre 1991 e 2015 polo PP, actuou "concertadamente" cos tres empresarios "para tratar de deixar sen efecto" as sancións da Xunta polo depósito de materiais non autorizado.

Absolto doutras acusacións

Na sentenza, a Audiencia coruñesa absolveu o ex alcalde dos demais delitos de prevaricación que lle imputaba a Fiscalía, así como do de falsidade, e aos empresarios dos demais delitos de prevaricación e do de tráfico de influencias.

Os maxistrados consideraron que non quedou acreditado que o entón rexedor de Coristanco tratase de favorecer os tres empresarios, aos que supostamente estaba unido por unha amizade, á hora de adxudicar obras.

Tras a condena, o avogado de Pensado confirmou a Europa Press que non ía recorrer o fallo porque o seu cliente fora absolto dos delitos máis graves que se lle imputaban e porque non tiña intención de ostentar ningún cargo público no futuro.

Agora, o alto tribunal considera que a Audiencia Provincial coruñesa razoou a súa sentenza seguindo as regras da lóxica e, por tanto, non lle pode pór ningunha obxección, polo que desestima o recurso da acusación particular. O empresario acusador denunciou no seu recurso que na tramitación de licenzas de actividade para unhas plantas de compostaxe, Pensado favoreceu a compañía dos irmáns condenados e prexudicou a súa.

Comentarios