Inhabilitan Antonio Pensado, ex alcalde de Coristanco, e anuncia que dimitirá como edil

Os xuíces aseguraron que o ex alcalde actuou "concertadamente" cos tres empresarios "para tratar de deixar sen efecto" as sancións da Xunta polo depósito de materiais non autorizados.
Antonio Pensado (centro) ex alcalde de Coristanco. (Foto: Xunta da Galiza).
photo_camera Antonio Pensado (centro) ex alcalde de Coristanco. (Foto: Xunta da Galiza).

O concelleiro e portavoz da Agrupación Local de Veciños en Coristanco e alcalde deste municipio polo PP entre 1991 e 2015, Antonio Pensado, non recorrerá o fallo da Audiencia Provincial da Coruña que o condenou a sete anos de inhabilitación para emprego ou cargo público. Ademais, esta cuarta feira anunciou que a próxima semana presentará a súa dimisión.

"A principios da próxima semana déixoo, xa teño ganas de descansar", dixo apuntando á posibilidade de que a próxima segunda feira formalice xa esta renuncia despois de tomar a decisión de non recorrer unha sentenza que considera probado que cometeu un delito de prevaricación ao autorizar, en 2012, a unha empresa a almacenar residuos de demolición e construción nunha leira do concello.

"Resolución arbitraria"

O tribunal, que tivo en conta a atenuante de dilacións indebidas, destacou que a resolución do entón rexedor municipal foi "arbitraria e contraria á legalidade" e impuxo a mesma pena, como cooperadores necesarios do delito de prevaricación, aos tres irmáns administradores da compañía beneficiaria.

Os xuíces aseguraron que o ex alcalde actuou "concertadamente" cos tres empresarios "para tratar de deixar sen efecto" as sancións da Xunta polo depósito de materiais non autorizados.

Os argumentos da sentenza

A pesar da inhabilitación, na sentenza, a Audiencia absolveu o ex alcalde dos demais delitos de prevaricación que lle imputaba o Ministerio Público, así como do de falsedade, e aos empresarios dos demais delitos de prevaricación e do de tráfico de influencias.

Os maxistrados consideraron que non ficou acreditado que o entón rexedor municipal tratase de favorecer os tres empresarios, aos que supostamente os unía unha amizade, á hora de adxudicar obras.

Comentarios