Sumar Galicia lanza o seu proceso constituínte

A debilidade organizativa, principal atranco da formación de Yolanda Díaz na Galiza

Paulo Carlos López, Marta Lois e Yolanda Díaz, esta cuarta feira, presentando a candidatura de Sumar. (Foto: César Arxina / Europa Press)
photo_camera Paulo Carlos López, Marta Lois e Yolanda Díaz, nunha foto de arquivo. (Foto: César Arxina / Europa Press)

A Comisión Promotora de Sumar Galicia elixiu este sábado a Dirección Permanente da formación, un organismo directivo co que busca “sentar as bases para a expansión territorial e a consolidación organizativa”.

Igualmente, a Comisión Promotora, que seguirá tendo funcións políticas, aprobou o calendario do proceso constituínte de Sumar na Galiza, logo de que a formación non conseguira representación no Parlamento galego nas pasadas eleccións do 18 de febreiro, alcanzando só 1,8% dos votos emitidos.

Precisamente, días despois dos comicios, a propia Dirección de Sumar explicaba esta falta de apoios electorais na Galiza pola súa debilidade organizativa, e mesmo Yolanda Díaz asegurou que “precisamos máis organización”.

A Dirección Permanente estará dotada de funcións executivas e a ela a Comisión Promotora encomendoulle a realización dos traballos da I Asemblea Nacional de Sumar Galicia, prevista para finais de ano.

Entre eses traballos estará o da activación das persoas inscritas, a realización de máis de 20 encontros ao longo da xeografía galega, así como a redacción dos documentos éticos, políticos e organizativos “para construír a organización que máis se pareza á Galiza progresista”, en palabras do que continuará sendo o seu portavoz, Paulo Carlos López. Deste proceso tamén sairá unha proposta de protocolo de relación con Sumar a nivel do Estado español, coa que Sumar Galicia estará federada.

Igualmente, a Dirección Permanente terá funcións de iniciativa política, póndose á disposición da deputada Verónica Martínez Barbero e do deputado Manuel Lago, “trasladándolles demandas e propostas para a defensa dos intereses da Galiza no Congreso español como tamén estará ao servizo dos ministerios de Sumar”. Ministerios, afirma López, “á vangarda de Europa nas políticas sociais e laboristas”.

Entre os próximos retos de Sumar Galicia a Comisión Promotora fixou tamén as próximas eleccións europeas, do 9 de xuño, achegando candidatos e candidatas e traballando “para ter o mellor resultado posíbel”. A Comisión Permanente constará de 14 membros, entre os que se atopan o propio Paulo Carlos López, Marta Lois —candidata da formación a presidir a Xunta da Galiza nas pasadas eleccións do 18 de febreiro—, Verónica Martíez ou Manuel Lago.

Comentarios