Daniel Castro (BNG)

"Será para min unha honra representar Lugo e a mocidade galega en Madrid"

Daniel Castro García, candidato número 1 do BNG ao Congreso por Lugo.

Daniel Castro é deputado no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Daniel Castro é deputado no Parlamento da Galiza. (Foto: Nós Diario).

—Vese como deputado en Madrid pola circunscrición de Lugo na vindeira lexislatura?
Será para min unha honra representar Lugo e a mocidade galega en Madrid. Existen posibilidades claras de conseguir deputados por esta circunscrición no Congreso. Se trasladamos ás estatais os resultados das eleccións locais obteriamos un representante por Lugo e sería aínda maior a nosa presenza cos datos dos comicios galegos.

A propia enquisa do CIS recoñece a posibilidade de sacar representación nacionalista por Lugo. Ademais os últimos procesos electorais deixaron claro que o BNG obtén mellores resultados que os que lle prognostican as enquisas, como vimos nas locais en Compostela, como aconteceu nas pasadas eleccións galegas ou mesmo nas estais de 2019. O BNG está hoxe no seu mellor momento, a diferenza do PP, que non vemos con maioría absoluta na circunscrición de Lugo, e do PSOE que, tampouco vemos con dous escanos.

— É a persoa máis nova que encabeza unha lista na Galiza nestes comicios, que propostas defende en materia de mocidade?
As políticas de mocidade son moi transversais. Por iso no decálogo elaborado por Galiza Nova [organización xuvenil do BNG] para estas eleccións propomos destinar a políticas de mocidade 4% do orzamento do Estado, co obxectivo de conseguir a súa emancipación, avanzando nas políticas de emprego e de mocidade.

Cando entramos en páxinas como Idealista ou Fotocasa e observamos o custo dos alugueres, ao que as persoas menores de 35 anos destinan 58% dos seus ingresos, resulta evidente que é necesario modificar a Lei de vivenda para intervir no prezo dos alugueres. Ademais é urxente modificar os criterios do bono social, que non ten conta a realidade porque moita xente moza partilla vivenda.

Hai que apostar por políticas de emprego para pór remate á emigración, garantindo que calquera persoa poida vivir e traballar na súa terra. Só no meu grupo de amizades, máis da metade están traballando fóra da Galiza.

—A mocidade é tradicionalmente un dos sectores máis abstencionistas, que lle diría para animal a votar?
A xente nova ten que mobilizarse e acudir a votar porque o único voto que vale por dous é o do BNG.  É o único que vale para defender os intereses da Galiza en Madrid e o único que vale para evitar que chegue a dereita e a extrema dereita ao Goberno do Estado. Sen ir máis lonxe, en 2019 a entrada no Congreso dos Deputados de Néstor Rego evitou que Vox conseguira deputados pola Coruña.

Comentarios