O PP ameaza con levar ao Constitucional o erro dun deputado na votación da reforma laboral

Os servizos xurídicos do Congreso, porén, descartan que se puidese tratar dun erro técnico e lembran que non se pode mudar o sentido dun voto unha vez emitido. O voto telemático ten un sistema dobre de verificación.
Á esquerda, o deputado popular Alberto Casero; á dereita, a bancada socialista e o Goberno celebran a aprobación do real decreto-lei (Fotos: Eduardo Parra / Europa Press - Congreso).
photo_camera Á esquerda, o deputado popular Alberto Casero; á dereita, a bancada socialista e o Goberno celebran a aprobación do real decreto-lei (Fotos: Eduardo Parra / Europa Press - Congreso).

O real decreto-lei que regula a reforma laboral impulsada pola ministra de Traballo e Economía Social, Yolanda Díaz, foi aprobado esta quinta feira no Congreso nunha polémica votación cuxo resultado non se soubo até o último segundo.

Os dous deputados de Unión del Pueblo Navarro (UPN), Sergio Sayas e Carlos García Adanero, prometeran a primeira hora emitir un voto favorábel malia non concordaren coa medida, seguindo ordes do seu partido, que alcanzara un acordo co PSOE.

Deste modo, e tras a negativa definitiva do PNV, que non desvalara o sentido do seu voto até o mesmo día, o Goberno sumaba 176 sufraxios positivos fronte a 173 negativos. E a piques estivo UPN de tombar a reforma laboral co seu sorpresivo voto en contra. Sayas e García Adanero poderían ser expulsados do partido, segundo deixou entrever esta sexta feira o presidente da formación navarra, Javier Esparza.

Mais aínda faltaba un último xiro de guión: o deputado do PP Alberto Casero, que solicitara o voto telemático, trabucouse e emitiu un 'si' que decantou finalmente a balanza a prol da reforma laboral de Díaz: 175 fronte a 174.

A formación conservadora insiste agora en acusar a presidenta do Congreso, Meritxell Batet, de ter condicionado a votación a raíz deste suceso: "Tiña coñecemento de que se emitira un voto erróneo e non debía ter seguido adiante para que o resultado final non fose unha fraude democrática que non responde á vontade maioritaria da Cámara", apuntou esta mañá a súa portavoz, Cuca Gamarra, en declaracións a Antena 3.

Ante a trascendencia da votación, asegurou, Casero presentouse nas Cortes tentando corrixir o sentido do seu voto, que atribuíu a un "erro informático". Porén, fontes oficiais do Congreso negan que se puidese producir un erro técnico como o descrito polo popular, xa que existe un sistema de dobre verificación dos votos telemáticos. Aliás, os servizos xurídicos do Congreso lembran que, unha vez emitido o voto telemático, este non se pode suspender para votar presencialmente nin é posíbel mudalo.

Mais desde o PP insisten: "Onte [pola quinta feira] solicitamos a convocatoria dunha Mesa para que se pronuncie e busque un sistema para a corrección da votación; se non, acudiremos ao Tribunal Constitucional", sentenciou Gamarra.

Comentarios