Martiñistas e FPG copan a cúpula de Anova, que en 2 semanas elixirá candidat@s a Europa

Noriega asume de novo a responsabilidade de coordenador nacional xunto con boa parte das persoas que lle son máis afíns como Antón Sánchez, Antón Dobao e Iolanda P. Docampo. Os críticos, antes oficialistas, poderían cuestionar a candidatura de Lidia Senra a Europa.

[Imaxe: Anova-Teo]
photo_camera [Imaxe: Anova-Teo]

Cambio de garda en Anova. Os outrora críticos pasan a ser o sector oficial -voltan así á dirección, con Martiño Noriega ao frente-, mentres @s que constituían o aparato tórnanse agora na oposición interna.

A Coordenadora nacional de Anova-IN aprobou este sábado (8 de marzo) a súa nova Comisión Permanente após a demisión de 10 dos seus membros por considerar un erro político a integración na candidatura de IU.

Martiño Noriega volve á responsabilidade de coordenador nacional após tres meses da súa marcha. O alcalde de Teo asumirá de novo ser o número 2 da formación política e encabezará --xunto co portavoz nacional, Xosé Manuel Beiras-- a aplicación efectiva do acordo adoptado pola militancia de Anova no referendo arredor das eleccións europeas. 

FPG e afíns a Martiño copan a Permanente

Neste nova etapa, Noriega contará no órgano de dirección con persoas afíns que, aliás, presentaran tamén a súa demisión pouco despois do teense. Iolanda P. Docampo, Antón Dobao e Xiana López son algúns dos nomes que volven soar na Permanente de Anova como responsábeis de Cultura, Organización e Igualdade, respectivamente. Tamén así, o deputado de AGE Antón Sánchez ou Rafa Dopico integran a nova equipa de traballo. 

En total, 17 integrantes (9 afíns a Martiño - 5 FPG - 2 MpB - 1 Mocidade) aprobad@s con todos os votos a favor agás a abstención d@s demisionari@s liderad@s por Luís Eyré e Mario López Rico.

A candidatura, novo ponto de fricción

Apartir de agora, as eleccións europeas centrarán o traballo da nova Permanente. Por diante, a escolla da candidata ou candidato que representará @s de Beiras na candidatura da esquerda federal. Eis un novo punto de confronto entre os distintos polos que integran Anova.

A aposta na que fora secretaria xeral do Sindicato Labrego --e que foi mesmo avalada por Xosé Manuel Beiras na anterior Coordenadora Nacional-- foi censurada por unha parte da Coordenadora nacional que advoga por un proceso de escolla máis horizontal que conte, aliás, coa participación da militancia. Neste senso, a nova Permanente garantiu que en dúas semanas estarán pront@s para facer público o nome d@ candidat@ através dunha votación á que poderán (auto)presentarse calquera persoa ou mesmo grupo de persoas. 

Comentarios