Luis Eyré, 'Palleiro':''Dicemos que somos Anova e imos ir a Europa co máis vello: a próxima semana as listas de IU irán ao xulgado''

O ex-responsábel de Relacións Políticas de Anova falou nunha entrevista en Voz TV das eleccións europeas (“pode configurarse a nivel de Estado algo análogo a unha Fronte Ampla na que non estea Anova, que estaremos co vello, co PCE”) e avanza que o sector de Llamazares levará a candidatura de IU aos xulgados.

Luis Eyré

Luis Eyré, 'Palleiro', foi un dos 10 membros da Permanente de Anova que demitiu tras o referendo para a militancia se posicionar sobre con quen concorrer ás europeas. Ex-responsábel de Relacións Políticas da formación nacionalista, Eyré foi entrevistado no programa Voz Televisión, onde se pronunciou sobre diversas cuestións. Desde a coligación con IU até o BNG, pasando por Lidia Senra, Martiño Noriega ou a FPG.

Eyré afirmou que tamén IU rexeitou unha Fronte Ampla en Galiza porque “non estaba disposta a unha coligación a nivel estritamente galego”

Eyré recoñece que “tal e como se está a escenificar [concorrer con Izquierda Unida], parece máis unha integración que unha coligación”. Afirmou que a proposta unánime de Anova desde o seu inicio foi a Fronte Ampla, unha iniciativa que “foi rexeitada polo BNG mais tamén por IU, que non estaba disposta a unha coligación a nivel estritamente galego”. O chantadino avanzou que a candidatura de Izquierda Unida (e na que Anova tería o posto nº5) vai ir aos xulgados levada polo sector de Gaspar Llamazares “por incumprimento de estatutos na elección dos candidatos”. “É unha primicia que dou a Voz TV”, afirmou.

"Tal e como se escenifica a coligación con IU parece máis ben unha integración"

A raíz disto, Eyré considera que Anova estase a “aliar co máis vello. Se iso é o máis novo, pelexar por un posto...iso vai contra a filosofía de Anova”. Nesta reflexión, 'Palleiro' engadiu que “o meu proxecto político non é salvarlle un deputado a Izquierda Unida”, augurando, iso si, que nas europeas esa candidatura vai ter un bo resultado. Aproveitou tamén para vaticinar os resultados do BNG: “un desastre, O Bloque suicidouse, inmolouse negándose a ir nunha Fronte Ampla. Á que tamén se negou IU”.

Considera que a FPG son “fósiles auténticos” e cualifica a Martiño Noriega como “amábel e veraz” mais tamén “influenciábel”

Frente Ampla...sen Anova

A escolla de ir con Izquierda Unida podería ter tamén un efecto paradoxal, considera o ex-responsábel de Anova. “Podería darse a situación, que podería ser graciosa aínda que a min pouca gracia me faría, de que a nivel de Estado se acabe configurando algo análogo a unha Fronte Ampla e na que non estea Anova. Nós estaremos co vello, cos do PCE, pelexando por postos na listaxe”.

Defendeu a demisión del e dos compañeiros, “decisión que non é froito dunha dimisión” na formación, senón porque “a militancia decidiu que había que facer algo [en referencia á escolla de IU para as europeas] que non comparto”.

“O meu proxecto político non é o de lle salvar un deputado a IU”

Martiño Noriega e a FPG

'Palleiro', durante a entrevista en Voz Televisión, fixo en varias ocasións mención a Anova como unha nova formación política na que os debates son transparentes e á luz do día, o que pode, cre, dar idea de maiores divisións e crises. Mais Eyré tamén advertiu que Anova naceu como unha entidade “de portas abertas”, o que propiciou que entrasen “grupos moi minoritarios e que teñen unha estratexia, como a FPG, que son fósiles auténticos”.

“Dimitín non porque haxa divisións senón porque a militancia decidiu que hai que facer algo que non comparto”

Preguntado por Martiño Noriega, cualificouno como “un compañeiro, unha persoa amábel, veraz e transparente”. Mais tamén como “influenciábel” e que “empatiza moito”, dixo. E finalizou: “É moito mellor para traer recados que para levalos”.

Lidia Senra, prexudicada polas filtracións.

A preguntas sobre Lidia Senra (Beiras confirmou que falou con ela para ser a representante Anova na candidatura de IU), Eyré sinalou que “non toca” falar diso porque en Anova “as cousas fanse de abaixo arriba”, e a militancia “aínda non coñece cales son as circunstancias de coligarse con IU” nin o proceso de elección do seu representante na lista de Izquierda Unida.

"O BNG suicidouse, inmolouse e os resultados que vai ter van ser un desastre"

É máis, para Luis Eyré “os que filtraron o seu nome como candidata aos medios de comunicación fixéronlle un fraco favor a Lidia Senra”. 

Comentarios