Ferraz destitúe o Comité Organizador do Congreso do PSdeG designado por Caballero e nomea un proposto por Formoso

A nova comisión organizadora do máximo órgano de decisión do PSdeG controlará os recursos humanos do partido e do Grupo Parlamentario.

Gonzalo Caballero e Valentín Formoso durante o debate das primarias do PSdeG. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Gonzalo Caballero e Valentín Formoso durante o debate das primarias do PSdeG. (Foto: Nós Diario)

A Comisión Executiva Federal do PSOE destituíu esta segunda feira o Comité Organizador do XIV Congreso Nacional do PSdeG que fora designado baixo a dirección do que era secretario xeral Gonzalo Caballero -órgano que presidía a ex presidenta do Parlamento Dolores Villarino- para nomear unha nova comisión proposta polo novo líder da formación, Valentín González Formoso.

Nunha resolución con data desta segunda feira e asinada polo responsábel de Organización do PSOE, Santos Cerdán, a Comisión Executiva Federal lembra que Formoso foi proclamado secretario xeral do PSdeG pola Comisión Nacional de Ética do PSdeG o pasado 5 de novembro, data na que propuxo a creación desta comisión, unha posibilidade recollida nos estatutos da formación.

Esta nova comisión organizadora, que dependerá do novo secretario xeral, estará composta pola presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva; o alcalde de Vilgarcía de Arousa e presidente da Fegamp, Alberto Varela; o rexedor de Ames, Blas García; o administrador-xerente do partido, Luís Ángel Lago Lage; o alcalde de Valdoviño, Alberto González; a edil pontesa, Ana Pena; e a que for a xefa de gabinete de Emilio Pérez Touriño, Teresa Facal; e a deputada autonómica e secretaria provincial do PSOE de Lugo, Patricia Otero.

Ademais da organización do propio congreso, a comisión dirixirá os recursos humanos e do persoal contratado tanto polo PSdeG  como polo Grupo Parlamentario. Respecto diso, fontes socialistas trasladaron a Europa Press que esta resolución de Ferraz deixa claro que a Executiva galega de Gonzalo Caballero "deixou de ter competencias" coa elección do novo secretario xeral.

Así mesmo, sinalaron que a nova comisión deberá axustar o calendario do congreso ao detectar que "traballos do proceso estaban sen atenderse" tendo en conta que, a data desta segunda feira, "non comezara" a redacción do relatorio marco a pesar de que "o calendario fixaba o día 10 para que ese documento se remita ás agrupacións".

Outra das funcións que terá esta comisión será a coordinación das comisións executivas provinciais para planificar a convocatoria dos seus procesos congresuais, que se deberán convocarse após a realización do XIV Congreso Nacional do PSdeG.

Fontes socialistas sinalaron que, aínda que en Pontevedra e Ourense prevíanse convocar antes de que se realice o congreso galego, a resolución de Ferraz "aclara o calendario" e fará que os catro conclaves provinciais sexan a finais de xaneiro, xa en coordinación coa nova Executiva galega que pilotará Formoso.

A continuación, os socialistas galegos abordarán a renovación das súas estruturas municipais, o que se producirá entre febreiro e marzo.

Comentarios