Compostela limita a apertura de novas vivendas turísticas a plantas baixas ou primeiros pisos

Propietarios de vivendas de uso turístico protestan contra unha norma que, afirman, "finiquita" os pequenos donos en favor dos grandes.
Edificios residenciais na rúa do Hórreo de Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Edificios residenciais na rúa do Hórreo de Santiago. (Foto: Arxina)

O pleno municipal de Santiago de Compostela aprobou esta quinta feira a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) polo que se regulan as vivendas de uso turístico, cuxa nova apertura queda limitada ás plantas baixas dos edificios que teñan uso residencial ou aos primeiros pisos, no caso de que non sexa posíbel esa primeira opción.

Esta normativa, que o Goberno local que preside Xosé Sánchez Bugallo (PSdeG-PSOE) necesitaba sacar adiante ante o vencemento o próximo mes de marzo da moratoria de vivendas de usos turísticos, contou co apoio de Compostela Aberta, grupo que propuxo por vez primeira cando gobernou entre 2015 e 2019 a moratoria turística.

Pola súa parte, o BNG abstívose pese ao apoio inicialmente dado alegando "falta de diálogo e de negociación". "Se houbo un momento en que falabamos de vivendas legais, a minoría que tiña título habilitante municipal; paralegais, as do Rexistro de empresas e actividades turísticas (REAT) por se moveren inicialmente na inseguranza xurídica; e ilegais, as que non tiñan nin unha cousa nin a outra, agora a igualación será total", xustificou a edil nacionalista Goretti Sanmartín. O grupo municipal do PP foi o único que votou en contra, augurando que a medida "está abocada" á presentación de recursos xudiciais procurando tombala.

Con todo, o rexedor compostelán destacou que se trata do asunto "máis importante do mandato" e advertiu, previo ás votacións, que de non saír adiante o escenario que se abría en marzo era de "enorme complexidade e alegalidade", así como "dificilmente irreversíbel".

Antes do inicio do pleno interviron unha portavoz de Asociación de Vivendas Turísticas da Galiza (Aviturga), Estrella Ferreiro, e da Plataforma para a Regulación de Vivendas Turísticas (Previturga), Miguel López, para mostrar o seu rexeitamento á modificación normativa que agora saíu adiante.

"Pretenden aprobar unha modificación lesiva para un gran número de persoas da rúa", manifestou Ferreiro, quen foi moi dura nas súas declaracións e acusou o Goberno de Sánchez Bugallo de pretender converter Santiago "nun Castro Baroña" e de representar "unhas siglas baleiras", en referencia ao PSOE.

Protesta de propietarios afectados por esta nova regulación das vivendas turísticas. (Foto: Europa Press)
Protesta de propietarios afectados por esta nova regulación das vivendas turísticas. (Foto: Europa Press)

Fóra do salón de plenos, na praza do Obradoiro, varias decenas de manifestantes protestaron contra esta regulación que, aseguran, "finiquita" os pequenos propietarios en favor dos grandes.

A normativa aprobada tamén recolle a prohibición de construír gasolineiras nas proximidades das vivendas. Concretamente, permítense estas instalacións en zonas específicas para elas, parcelas de uso comercial e industrial situadas en polígonos ou zonas de uso global terciario —non residenciais— e como complemento ou auxiliar en estabelecementos comerciais.

Comentarios