Sanidade defende ampliar as corentenas a 14 días pero négase a tomar a iniciativa

O Goberno galego pediu ao Estado ampliar as corentenas a 14 días polas novas cepas do coronavirus, mais négase a tomar a iniciativa. Galiza “non pode ir por libre”, aseverou ao respecto o conselleiro de Sanidade no Parlamento galego.

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, nun pleno do Parlamento galego. (Foto: Europa Press)
photo_camera Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade, no pleno do Parlamento galego (Foto: Europa Press)

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asegurou que o Goberno galego "leva semanas pedindo" no seo do Consello Interterritorial do Sistema de Saúde que o "protocolo" de corentenas "se actualice” e adapte ás novas variantes do coronavirus.

Así o revelou durante a comparecencia que protagonizou no pleno do Parlamento galego esta terza feira, 13 de abril, após a intervención da deputada do BNG Montse Prado, que pediu ao conselleiro, precisamente, adaptar os protocolos ás novas circunstancias do virus.

"Levamos semanas pedindo que se actualice", asegurou Comesaña na súa intervención, apuntando que a Xunta defende que as corentenas pasen a ser de 14 días, "conscientes" de que as novas variantes se propagan durante máis tempo e con diferente intensidade.

Porén, restou capacidade de decisión a Galiza, afirmando que "non pode ir por libre" nesta materia, botando man de que estas corentenas están condicionadas a outras situacións, como a incapacidade temporal e as baixas laborais vinculadas ás corentenas. "Afecta cousas que non son galegas exclusivamente", dixo.

A Galiza ten unha prevalencia da cepa británica superior a 90% e hai secuenciados máis de 120 casos, ademais de detectárense xa casos da cepa brasileira e surafricana.

A parlamentar nacionalista Montse Prado reclamou unha "unificación dos protocolos", sobre todo, pensando nas novas variantes. Así, dixo que o rastrexo segue a ser “un caos” e que hai persoas ás que se lles fai probas PCR de saída, outras ás que non, e que a algunhas as chaman varios rastreadores e a outras ningún.

"Modifiquen o protocolo, adáptense á nova situación", exclamou Prado, sinalando que é necesario "prepararse" por se chega unha cuarta onda, tendo en conta que á Galiza sempre "chegan con máis atraso". Con todo, mostrou o seu "desexo" de que non ocorra, pero insistiu en "estar preparados".

Estado de alarma

Doutra banda, Comesaña tamén se referiu ao escenario posterior ao 9 de maio, cando termine o estado de alarma. "É a gran pregunta", dixo, sobre que ocorrerá no Estado, cuxa xestión da pandemia, dixo a deputada do PP Encarna Amigo, foi "a peor" de toda Europa.

"Información cero", dixo o conselleiro sobre as respostas ás súas preguntas no consello interterritorial sobre a previsión da situación legal post estado de alarma, para queixarse, tamén, do anuncio de recurso de inconstitucionalidade por parte do estado contra a nova lei de saúde impulsada por Alberto Núñez Feixoo e aprobada polo Parlamento cos únicos votos do Pp.

O titular da Administración sanitaria galega pediu "ferramentas" para poder seguir adoptando medidas despois do 9 de maio, mentres que o deputado socialista Julio Torrado preguntou "se é tan bo o estado de alarma, por que votaron [os populares] en contra".

Comentarios