Unanimidade no Parlamento galego para protexer as mulleres que sofren violencia machista través da vida dos seus fillos

A proposta do BNG, apoiada polo resto das forzas, vai permitir que reciban todo o amparo e as axudas previstas na Lei galega de loita e tratamento integral da violencia de xénero

Pleno da Cámara galega. (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera (Foto: Parlamento da Galiza)

Os tres grupos políticos con representación na Cámara galega -PPdeG, BNG e PSdeG-- apoiaron esta terza feira a toma en consideración dunha proposición de lei para reformar a norma galega de violencia de xénero de forma que recoñeza ás vítimas da coñecida como violencia vicaria, a violencia de xénero contra as mulleres exercida a través dos seus fillos e fillas

Populares e socialistas apoiaron esta terza feira cos seus votos a toma en consideración dunha proposición non de lei defendida pola líder do BNG, Ana Pontón, quen chamou a atención sobre o feito de que "a día de hoxe" a lei non recoñeza como vítimas de violencia machista as mulleres que "perden aos seus fillos a mans dos seus maltratadores".

"Estas mulleres, a día de hoxe, non teñen a consideración de vítimas de violencia machista e, por tanto, non teñen os dereitos e a maior protección que outorga o estatuto de vítima de violencia de xénero", sinalou Pontón, que afirmou que tampouco "están amparadas polos protocolos de atención previstos".

Por iso, destacou que "cambiar esta situación" é o obxectivo desta iniciativa para a que pediu o apoio do resto das formacións da Cámara galega, un apoio que trasladaron a popular Paula Prado e a socialista Noa Díaz durante o debate.

Comentarios