Os novos contaxios de Covid-19 na Galiza repuntan a 165 tras iniciar a semana con 126, mentres que os casos activos deste coronavirus manteñen a tendencia ascendente por quinta xornada consecutiva e aumentaron até os 2.382.
Segundo os datos publicados pola Consellería de Sanidade na mañá desta terza feira, con rexistros até as 18:00 horas desta segunda feira, 29 pacientes Covid atópanse en UCI -un menos que a xornada anterior- e os ingresados noutras unidades soben a 156 -un máis-, polo que se manteñen en 185 os hospitalizados.
Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria baixa en tres delas -A Coruña-Cee, Ourense e Santiago-Barbanza-, mantense na de Vigo; e aumenta nas de Pontevedra-O Salnés, Ferrol e Lugo.
Os casos activos seguen coa tendencia ascendente e sitúanse en 2.382 no conxunto de Galiza, o que supón 66 máis que os rexistrados na xornada anterior, ao haber máis contaxios que altas.
Con todo, por áreas sanitarias descenden lixeiramente en dúas, nas da Coruña e Cee (-1) e Ourense (-1), mentres que soben nas de Vigo (+5), Ferrol (+9), Lugo (+12), Santiago e Barbanza (+12) e Pontevedra-O Salnés (+30).
En canto aos novos contaxios detectados con calquera tipo de proba, repuntaron na segunda xornada desta semana até os 165, o que supón 39 máis que os 126 rexistrados na anterior.
Segundo os datos actualizados por Sanidade, do total de contaxios, 133 son positivos confirmados por PCR nas últimas 24 horas -20 máis que a xornada anterior-, dos cales 36 corresponden á área de Pontevedra e O Salnés; 32, á de Vigo; 21, á de Santiago e Barbanza; 18, á da Coruña e Cee; 11, á de Ourense; 10, á de Lugo; e cinco, á de Ferrol.
En canto á taxa de positividade, aumentou lixeiramente até o 2,6% en Galiza tras descender a segunda feira a un 1%, polo que segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada a pandemia.
Galiza rexistrou desde o inicio da pandemia 2.369 falecidos diagnosticados de Covid-19 tras notificar esta segunda feira Sanidade a morte dun home no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago que se produciu o pasado domingo, 11 de abril.