Perfil

Alfonso Vilares, o amigo co que Rueda comparte a afección á bici

O ex conselleiro do Mar é unha das persoas máis próximas ao presidente da Xunta no seu equipo.
Alfonso Rueda e Alfonso Vilares (á dereita), en Pontevedra. (Foto: Xunta da Galiza)
Alfonso Rueda e Alfonso Vilares (á dereita), en Pontevedra. (Foto: Xunta da Galiza)

O desde agora ex conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, de 55 anos e veterinario de profesión, levaba apenas dous anos nun posto ao que o ascendera Alfonso Rueda, a quen o une unha estreita amizade, até o punto de compartiren con frecuencia rutas ao lombo das súas bicicletas no tempo libre.

Na Consellaría do Mar tivo que enfrontar a crise dos pellets, cuxa xestión provocou protestas por parte dos grupos políticos da oposición e de rexedoras e rexedores dos concellos máis afectados.

Antes de ser nomeado conselleiro en substitución de Rosa Quintana, Vilares encadeara catro maiorías absolutas como alcalde de Cervo (A Mariña) e ocupara a Vicepresidencia primeira da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

O presidente da Xunta pediu esta cuarta feira unha "xustiza rápida" en relación á denuncia por suposta agresión sexual contra o xa ex conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, a quen, dixo, "oxalá" poida "recuperar para a vida pública". Ao seu xuízo, a dimisión de Vilares como conselleiro de Mar e por tanto, a perda da condición de aforado "é unha mostra da súa firmeza no convencemento da súa inocencia", aseverou, en declaracións aos medios á entrada da gala dos premios 'Pontevedreses do Ano'.

Os aplausos da nova conselleira a Vilares

Na súa intervención ante os medios, Vilares estivo acompañado por integrantes do seu equipo no Goberno. De feito, na primeira fileira de cadeiras da sala continua á que acolle as reunións semanais do Executivo galego no edificio administrativo de San Caetano –e na que tivo lugar a comparecencia– sentaban directoras e directores xerais da Consellaría.

Entre os membros do departamento que aplaudiron a Vilares ao finalizar a súa intervención atopábase a que esta quinta feira ás 9.30 horas, no Pazo de Raxoi (Compostela), tomará posesión como conselleira do Mar, Marta Vilaverde, quen non dubidou en apoiar o que fora o seu superior malia a natureza dos feitos vinculados cunha suposta agresión sexual que o levaron a ser denunciado. Desde abril de 2024, Marta Vilaverde ocupaba o posto de directora xeral á fronte da área de Desenvolvemento Pesqueiro.

Comentarios