Rueda xustifica o pacto do PP con Vox para gobernar Castela e León
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, xustificou o pacto do Partido Popular (PP) con Vox en Castela e León, expresando así a mesma postura que fixo explícita no día de onte o presidente da Xunta e único candidato a liderar o PP, Alberto Núñez Feixoo, quen remarcou que foi Alfonso Fernández Mañueco, despois de "gañar as eleccións" en Castela e León, quen decidiu pactar con Vox.
Rueda, hoxe en día o deputado mellor situado para substituír a Feixoo á fronte do Goberno galego, reprochou ao Partido Socialista (PSOE) que levase a Mañueco a asinar ese pacto como único xeito de evitar unha nova convocatoria electoral, na mesma liña das explicacións de Feixóo.
"Feixóo xa explicou que Mañueco era quen tiña a responsabilidade de formar goberno e quen tomaba as decisións", afirmou o vicepresidente primeiro, quen asegura que "foi o PSOE o que non quixo en ningún momento que se puidese escoller entre PSOE e Vox".
Nunha comparecencia ante os medios de comunicación, volveu reiterar que foi Mañueco quen "tomou unha decisión" e engadiu que "hai que respectala". "Ten todo o dereito a intentar formar goberno na autonomía na que gañou as eleccións", defendeu.
"Avaliación interpretábel" do PPE
Preguntado sobre a posición crítica do Partido Popular europeo (PPE),representada polo seu presidente, Donald Tusk, que no día de afirmou ver unha "capitulación" ante a extrema dereita neste pacto, Rueda simplemente sinalou que "pode ser interpretábel".
A este respecto, Ruedo concluíu que "o lóxico e o que sentimos é que houbo un presidente que gañou unhas eleccións e que, para formar goberno, tiña que tomar unha decisión".
Na súa intervención, Tusk afirmou estar preocupado pola porta que abre o pacto entre o PP español e Vox, e recoñeceu que agarda que "sexa un accidente e non unha tendencia na política española".
O presidente do PPE tamén contrapuxo a figura do aínda presidente estatal do PP, Pablo Casado, como "garantía persoal" de non pactar coa extrema dereita, e a da actual dirección dos populares, representada por un Feixoo que aínda non é presidente do PP de xeito oficial, pero que xa actúa como tal.