Feixoo critica que a "prioridade" de Sánchez sexa renovar o CXPX: "Crin que tiñamos problemas maiores"

O aínda presidente da Xunta formalizou esta cuarta feira a súa candidatura para presidir o PP a nivel estatal, de cara a un congreso extraordinario no que xa ten unha rival: Alexia Herranz, do PP de Gandía e partidaria de Isabel Díaz Ayuso.
Alberto Núñez Feixoo formalizou esta cuarta feira a súa campaña para presidir o PP, baixo o lema 'Preparados' (Foto: Á. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera Alberto Núñez Feixoo formalizou esta cuarta feira a súa campaña para presidir o PP, baixo o lema 'Preparados' (Foto: Á. Pérez Meca / Europa Press).

O presidente da Xunta da Galiza e xa oficialmente candidato a presidir o PP estatal, Alberto Núñez Feixoo, presentou esta cuarta feira 55.000 avais para confirmar a súa candidatura á presidencia do PP na sede do partido na rúa Xénova de Madrid.

Na súa intervención ante os medios, puxo en cuestión que se deba falar "agora" co Goberno estatal da renovación do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) "cando hai unha guerra ás portas de Europa" e o prezo da luz está a "disparar a inflación" e facendo que "fechen" as industrias. "Crin que tiñamos un problema máis grande que ese", exclamou, para deixar claro que si abordará o asunto, mais "respectando" a orde de prioridades.

"Se o problema do PSOE é pactar o CXPX terán que explicar por que esa é a prioridade de España", engadiu Núñez Feixoo.

Posíbel pacto con Vox en Castela e Léon

Ao ser preguntado polos posíbeis pactos do PP en Castela e León para lograr a investidura de Alfonso Fernández Mañueco, Feixoo deixou claro que, dado que este é o único deputado do Parlamento con posibilidades para presidir a rexión por decisión dos electores, pedirá ao PSOE que facilite a súa investidura se non quere unha repetición das eleccións.

Neste senso, precisou que dado que "non hai" alternativas, Mañueco ten a "liberdade" e a "responsabilidade" de darlle estabilidade á Xunta de Castela e León. Con todo, argumentou que tamén os procuradores teñen a responsabilidade, nun momento de extraordinaria dificultade para o Estado español, de buscar unha fórmula para a investidura. Por iso, dixo que o PP falará con todos os grupos da Cámara empezando polo PSOE, que é o de maior representación tras o PP.

Os socialistas, engadiu, teñen a "responsabilidade e a oportunidade" de favorecer que goberne a lista máis votada. Aliás, defendeu que esta petición ao PSOE para que facilite a investidura do candidato popular en Castela e León non debe estar vinculada a que o PP rache os seus acordos con Vox noutros territorios.

Feixoo non aceptou "lección ningunha" do PSOE sobre pactos, "e menos desde que goberna Pedro Sánchez", enfatizou. A este respecto, lembrou os acordos dos socialistas con "partidos independentistas e populistas", dixo, citando EH Bildu.

Por iso, advertiu que se do que se trata é de "rachar alianzas con partidos independentistas ou populistas", o primeiro que ten que facer Sánchez é "rachar o seu Goberno". Na súa opinión, sería unha "conversa interesante" falar de non pactar con este tipo de partidos.

A respecto de se Vox debería ou non presidir as Cortes de Castela e León como pediu o partido de Santiago Abascal, Feixoo deixou claro que, aínda que el non participa desas negociacións, entende que, se gañou o PP co triplo de deputados que Vox, "parece razoábel" que sexa o PP o que presida a Cámara. "É o que quixeron os votantes", exclamou, e engadiu que non adoita ser habitual que presida as Cortes un dos partidos que tivo menor representación.

Alexia Herranz, rival de Feixoo

A militante trans do PP de Gandía Alexia Herranz xa presentou perto de 120 avais para a súa candidatura á presidencia do PP en diferentes sedes de todo o Estado, segundo informou en declaracións aos medios esta cuarta feira, ás portas da sede do PP do País Valencià.

Esta candidatura, dixo, "empezou porque a poboación se alzou en nome de Isabel Díaz Ayuso". "Respecto a Feixoo, porque ten catro maiorías absolutas que o avalan, mais o paso tiña que dalo Isabel", engadiu.

A partir de aí, sinalou que se o Comité Organizador ratifica a súa candidatura comezará a levar a cabo un debate co seu equipo para "mover o programa", que se centrará, entre outros aspectos, na necesidade de convocar congresos locais de cara ás municipais e no recoñecemento dos dereitos das persoas trans.

Comentarios