Rueda mantivo Vilares no cargo malia coñecer desde febreiro que estaba denunciado
A denuncia contra Alfonso Vilares por agresión sexual foi presentada en decembro de 2024 pola actriz e presentadora Paloma Lago. En febreiro, a comisaría da Policía Nacional contactou co até esta semana conselleiro do Mar para notificarlle a denuncia e preguntar se ía prestar declaración de maneira voluntaria, como así fixo. Foi entón, hai catro meses, cando o conselleiro informou o presidente do Goberno galego de que estaba denunciado por agresión sexual.
O propio Alfonso Rueda recoñeceuno esta quinta feira ao saír da toma de posesión da substituta de Vilares á fronte da Consellaría do Mar, Marta Vilaverde: sabía desde febreiro da denuncia contra un membro do seu Goberno por agresión sexual.
"En febreiro comunícame que recibe unha chamada da comisaría de Ferrol onde di que hai unha denuncia contra el. El presta declaración, e coméntame que é por unha denuncia por uns feitos que sucederan un par de meses antes", afirmou Rueda en declaracións aos medios. "Ou sexa, que me comenta [a denuncia] cando termina de facela [a declaración en comisaría], cando volve a Santiago de Compostela", agregou.
O presidente da Xunta limitouse, segundo o seu propio relato, a dicirlle que debía mantelo "informado" de "calquera outra novidade" e "calquera outro pronunciamento". Sen máis.
Rueda: "Fixemos o que tiñamos que facer"
Cuestionado sobre por que decidiu non destituír Vilares en febreiro, cando tivo coñecemento da denuncia, Rueda xustificou que a marcha do conselleiro ocorre "en canto se produce o pronunciamento xudicial" ao estar investigado por agresión sexual. É dicir, cando se recibe (a pasada sexta feira 30 de maio) na Xunta da Galiza unha comunicación do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) preguntando "se esta persoa, Alfonso Vilares, é aforada", e esta mesma semana "comunícame que recibe unha notificación coa súa imputación".
"Eu creo que todo o mundo entende que hai unha denuncia, el presta unha declaración e temos que estar ao que decida un xulgado", argumentou o xefe do Goberno galego. "Fixemos o que tiñamos que facer", concluíu. Repreguntado sobre se xa sabía en febreiro que a denuncia contra o agora ex conselleiro era por un delito de agresión sexual, Rueda recoñeceu que "el [Vilares] coméntame, loxicamente, o que lle comentan ao chegar a comisaría, as circunstancias, e faime un pequeno resumo". "El explícame a situación, explícame a súa actuación e dígolle que calquera pronunciamento que se produza a partir de agora, calquera novo movemento, por suposto, infórmasme", manifestou o presidente galego.
"Agora creo que toma a decisión adecuada, renuncia ao aforamento no momento en que coñece a súa imputación; será xulgado por un xulgado ordinario", destacou Rueda.
"Desexo o mellor para el pero quen ten que pronunciarse é a xustiza", á que solicitou que actúe "coa máxima celeridade", concluíu o presidente.
Abrazos e apoios para o ex conselleiro investigado
As declaracións do presidente ante a prensa producíronse ao remate do acto de toma de posesión da nova conselleira do Mar, Marta Vilaverde, persoa da total confianza de Vilares.
Un acto no que estivo presente o xa ex conselleiro do Mar, que foi obxecto de mostras de apoio e agarimo por parte de diferentes conselleiros e conselleiras, así como de Alfonso Rueda e da súa sucesora. O presidente mesmo chegou a abrazalo ao remate do acto de toma de posesión.
"Grazas, Alfonso"
No seu discurso após prometer Marta Vilaverde o cargo de conselleira, Alfonso Rueda manifestou que desexaba a Vilares "toda a sorte do mundo", pois quere "poder recuperalo para a vida pública", aínda que mostrou o seu "absoluto respecto" pola xustiza. "Grazas, Alfonso, por todo o teu traballo", afirmou o titular do Goberno galego sobre un labor como conselleiro que define como "magnífico".
Á súa chegada ao acto, que decorreu no Pazo de Raxoi de Compostela, Alfonso Vilares declarou que se atopaba "tranquilo" e "afectado", e aseguraba ser "absolutamente inocente, porque é así". Vilares abandonou a praza do Obradoiro sen querer facer declaracións e a pé, pois ningún dos numerosos coches oficiais que estaban alí estacionados era xa para el. Perseguido por un grupo de xornalistas, o xa ex membro do Goberno galego non quixo pronunciarse sobre o contido concreto da denuncia contra el e indicou que, unha vez que dimitiu como conselleiro —estivo dous anos no posto ao que chegou para substituír Rosa Quintana—, "aquí estou como un cidadán de a pé".
En Raxoi ficaban integrantes do Executivo e diversas autoridades, civís e militares, presentes no acto oficial de nomeamento de Vilaverde. A inmensa maioría deles e delas foron abandonando o edificio a bordo dos seus vehículos oficiais.


