Os conselleiros obvian a denunciante de agresión sexual e fechan filas con Vilares

Os compañeiros e as compañeiras do xa ex conselleiro do Mar lóano e destacan a súa dimisión como "un paso que lle honra", eludindo facer mención ningunha á muller que denunciou uns feitos que agora están en mans da Xustiza.
Alfonso Rueda presidiu a reunión do Consello da Xunta decorrido en Ferrol o pasado 24 de marzo. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)
Reunión do Consello da Xunta decorrido en Ferrol o pasado 24 de marzo. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)

Alén do propio presidente da Xunta, Alfonso Rueda, outros compañeiros e compañeiras do xa ex conselleiro do Mar, Alfonso Vilares, utilizaron as redes sociais para trasladar o seu apoio á súa dimisión ao estar a ser investigado por unha presunta agresión sexual. Insistiron, e coincidiron, en pedir celeridade á xustiza confiando plenamente na súa inocencia, mais tamén á hora de obviar a muller que denunciou un delito contra a liberdade sexual que agora está en mans da Xustiza.

Para a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que se pronunciou a través de Instagram, a dimisión é unha decisión que "honra" a Vilares e confía en que a xustiza faga "o seu traballo" e aclare "o que sucedeu". "No que respecta ao plano persoal, eu só podo ter boas palabras para Alfonso como compañeiro, desde o principio, cada día e até o final", dixo, eludindo mencionar a denunciante.

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, cualificou na mesma rede social a Vilares como "compañeiro e amigo" e trasladou a súa confianza en que a súa situación poida resolverse "no ámbito que corresponde, que é o xudicial". "Todo o meu respecto á súa decisión de dimitir e de renunciar ao aforamento para defenderse como calquera outro cidadán", agregou, centrándose tamén, unicamente, no conselleiro.

O responsábel de Educación, Román Rodríguez, reflexionou sobre que "nos momentos difíciles —referíndose a Alfonso Vilares—, na política e na vida, é necesario dar un paso adiante". "Ti falo, Alfonso Vilares, para protexer a institución que representa os galegos e as galegas. Un xesto que non abunda", remarcou.

Pola súa parte, o conselleiro de Presidencia e Xustiza, Diego Calvo, tamén demandou "axilidade" na resolución xudicial e ve a dimisión de Vilares como o "mellor" paso para "exercer o seu dereito para defender a súa inocencia como calquera outro cidadán ante a xustiza, e tamén para as institucións".

A responsábel de Economía e Industria, María Jesús Lourenzá, apostou por "valorar" a decisión de renunciar ao aforamento "para defenderse como calquera outro cidadán". Aliás, solicitou "respecto á presunción de inocencia" e desexou que "oxalá todos seguisen" o "exemplo" do ex conselleiro.

E a titular de Medio Rural, María José Gómez, falou tamén dun "paso que honra" ao antigo titular de Mar e, así mesmo, desexou que "esta situación se resolva o máis cedo posíbel". De novo, sen mención ningunha á denunciante.

Comentarios