Rueda avanza 15,6 millóns para concellos de menos de 15.000 habitantes a tres meses das eleccións municipais

Rueda apuntou a que se valora desde o Goberno galego estender este modelo para estas prazas para persoas con alzhéimer a outros servizos.
O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda. (Foto: Xoán Crespo / Xunta)
photo_camera O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda (Foto: Xoán Crespo / Xunta).

O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, avanzou onte os criterios e requisitos, aprobados no Consello da Xunta que deberán cumprir os concellos de menos de 15.000 habitantes, para recibir do Fondo de Cooperación Local da Xunta a denominada partida adicional, que é aquela dirixida especificamente a cubrir os servizos máis demandados pola veciñanza.

"Estes recursos destínanse a necesidades directas e moi necesarias", defendeu Rueda, quen aclarou que dos 143,4 millóns de euros que ten para este ano o Fondo de Cooperación Local da Xunta resérvanse 30,5 millóns de euros á partida adicional, que tamén rexistrou un incremento histórico de 135%.

En concreto, deste fondo adicional, Rueda subliñou que a principal "novidade" consiste en que se destinan un total de 15,6 millóns de euros aos municipios de menos de 15.000 habitantes, unha contía condicionada a que vaian dirixidos aos servizos máis demandados polos habitantes dos devanditos municipios.

Aínda que o paso anunciouno a escasos meses das eleccións municipais do 28 de maio, a preguntas dos medios, Rueda desligou a convocatoria da cita coas urnas. Dita convocatoria formularase de maneira "inmediata", pero a súa resolución, recalcou, á espera dos trámites administrativos que sexan necesarios, podería non concretarse ata despois dos comicios. Afirmou que non pode anticipar a data exacta. 

18 millóns para 300 prazas para dependentes

O Consello da Xunta acordou hoxe a consolidación de 314 prazas en centros de día especializados na atención ao alzhéimer de titularidade pública e xestión externa, as cales se contratarán, por primeira vez, en réxime de concerto social. O Goberno galego destinará 18,5 millóns de euros a esta convocatoria coa que garante a estabilidade na prestación do servizo, posto que estes concertos terán unha duración inicial de catro anos e poderán renovarse ata acadar un máximo de dez. 

Estender a outros servizos

A preguntas dos medios sobre se isto, concertar prazas, non implicaba unha privatización, Rueda negouno, apelando a que é un "modelo de concerto" onde a persoa usuaria "ten liberdade para elixir". 

Rueda mesmo apuntou a que se valora desde o Goberno galego estender este modelo para estas prazas para persoas con alzhéimer a outros servizos.

Sanidade, mesmo discurso

Tamén a preguntas da prensa, nesta ocasión sobre sanidade e a mobilización que reuniu miles de persoas en Santiago de Compostela o pasado domingo contra a política sanitaria do seu Goberno, Rueda defendeu o modelo da Xunta. 

"Algúns só pensan na sanidade no día da mobilización e por interese político", dixo o presidente en referencia ao BNG e ao PSdeG, seguindo na liña das críticas a unha mobilización que cualifica de "partidista". A continuación, defendeu que o acordo cos colexios médicos para compatibilizar traballar na sanidade pública e na privada vai na liña da Xunta de "introducir melloras" na sanidade. Ao tempo, volveu cargar contra o Goberno español, a quen responsabiliza da situación sanitaria na Galiza e incidiu en que a escaseza de persoal médico dáse en varios territorios do Estado.

Next Generation

O Goberno galego tamén deu onte o balanzo de execución dos fondos Next Generation para vivenda que recibiu a Xunta, 80 millóns de euros. Rueda dixo que a estas alturas xa estaba executado ou en vías de execución 90% dese diñeiro, e que ía supor diversas melloras enerxéticas para ao redor de 14.000 inmóbeis.

Comentarios