A Xunta pagou á sanidade privada máis de 2.000 millóns en dez anos

Os concertos achegan 40% dos ingresos da privada.
Os médicos internistas son chaves no funcionamento dos centros hospitalarios. (Foto: Europa Press)
photo_camera (Foto: Europa Press)

A factura que anualmente paga a Xunta da Galiza á sanidade privada só en concepto de "uso de medios alleos" —desde derivacións de ingresos hospitalarios até realización de probas— supera os 200 millóns de euros. O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, anunciou a sexta feira pasada que para 2013 esa factura ía ser de perto de 214 millóns de euros.

Un repaso aos informes anuais de fiscalización sobre o Sergas que elabora o Consello de Contas e os propios presupostos da Xunta indican que ese pago á sanidade privada para o ano é o máis alto desde 2010, co primeiro orzamento elaborado polo PP que retornaba á Xunta após  unha lexislatura de Goberno de PSdeG e BNG. 

A contía que desembolsa a Administración galega neste concepto varía entre eses 214 millóns de euros en anos como 2021 e 2014 e os máis de 203 millóns de 2017.

O Goberno galego defende que este pagamento representa menos dese 6% do orzamento total sanitario que lles marca o Consello de Contas —móvese entre 4,5 e 5,5%—. 

Visión diferente é a que se ten desde sindicatos, organizacións de defensa da sanidade pública ou colectivos de usuarios e usuarias da mesma.

 Manuel Martín, médico e portavoz de SOS Sanidade Pública. Explica en Nós Diario que "a privatización sanitaria avanzou de maneira significativa na Galiza, tanto na provisión como no financiamento dos servizos".

Privatización en avance

Nos orzamentos en vigor, 2022, Martín apunta que "o presuposto sanitario representa 34% do orzamento galego e creceu en 268,7 millóns con respecto ao 2021", unhas contas nas que unha parte importante das mesmas vai para "comprar equipamento tecnolóxico ás empresas multinacionais que os fabrican, 6,4 millóns para equipos de ultrasón, 25,6 para bloques cirúrxicos e 61,3 millóns para equipos de diagnóstico por imaxe".

A Xunta da Galiza achegou 209 millóns de euros á privada en 2020, último exercicio fiscalizado polo Consello de Contas. 62,1% do total dos fondos están destinados a sufragar o gasto derivado da actividade realizada polos centros hospitalarios privados conforme á carteira de servizos concertada. A contía restante correspóndese con outras prestacións sanitarias de operadores privados, entre elas, aquelas derivadas do dispositivo asistencial da saúde mental, dos programas especiais de hemodiálise, dos labores de rehabilitación ou fisioterapia e do conxunto das actividades asistenciais externalizadas polo Sergas. A Xunta achegou á atención especializada en concepto de concertos 129 millóns.

Advertencia

As relacións entre os grupos sanitarios privados e a Xunta da Galiza levan anos no albo do Consello de Contas. A este respecto, no seu último informe, presentado este verán, o organismo dirixido por José Antonio Redondo afirma que "o Sergas está a utilizar a autorización de uso temporal como unha forma ordinaria de contratación, de maneira directa, sen concorrencia, publicidade e igualdade de trato, de servizos sanitarios non concertados". A patronal galega da sanidade privada cifra en case 40% a porcentaxe dos seus ingresos que proceden de achegas da Xunta. Porén, desde a Plataforma SOS Sanidade Pública calcúlase en 80% o volume de negocio da privada que depende de concertos e acordos puntais coa sanidade pública.

Falar de sanidade privada na Galiza é referirse a 57% dos hospitais existentes no país, así como 23% das camas hospitalarias —perto de 2.300—, ou que 39% dos equipos de alta tecnoloxía para sanidade están en centros desta propiedade. 

A privada aumenta a súa presenza na Galiza tamén a través dos seguros sanitarios. 8.100 galegos e galegas deron ese paso en 2021 e xa son un total de 427.000. Os seguros privados teñen ampliado a súa cobertura desde 2020 en máis de 10 puntos, representando Atención Primaria 30% do total.

Gasto de peto

Non figura nas contas, balanzos e orzamentos, mais as entidades de defensa da sanidade pública sitúan tamén como sinal de "privatización" do financiamento o chamado 'gasto de peto', é dicir o pagamento que ten que realizar a poboación para custear o dentista, comprar medicamentos, próteses e órteses, fisioterapia, etc. Este gasto supón 457 euros anuais per cápita.

Comentarios