Feixoo comprométese con Pontón a aumentar o autogoberno, mais desbota un acordo de país contra a crise

Cordial, construtiva e positiva. Así cualificou Ana Pontón, líder do BNG, a xuntanza que mantivo na mañá da sexta feira co presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, e que se prolongou por máis de dúas horas.
pont
photo_camera Ana Pontón e Alberto Núñez Feixoo (Imaxe: Arxina).

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, avanzou acordos co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, en cuestións como a ampliación das axudas ás vítimas de violencia de xénero, a necesidade de dar solucións á crise industrial e o aumento das competencias do autogoberno galego.

Con todo, tras unha reunión de máis de dúas horas co máximo mandatario galego na sede da Presidencia da Xunta, a líder nacionalista lamentou que Feixoo non acudise á cita co obxectivo de alcanzar "un grande acordo de país" para a recuperación da Galiza tras a pandemia.

Pontón entregou a Feixoo un documento propostas artelladas en catro temáticas: a sanidade e os servizos públicos; a recuperación económica e os fondos Next Generation; as infraestruturas e o incremento do autogoberno e as transferencias.

Propostas en materia de servizos sociais e sanidade

A respecto da materia social e sanitaria, Pontón trasladou a preocupación do BNG ante a situación dos servizos públicos: a falta de vacinas, as listaxes de agarda na atención primaria e hospitalaria, o modelo de atención ás persoas maiores, a atención á saúde mental e a atención ás vítimas da violencia machista.

A líder do BNG destacou a receptividade de Feixoo á proposta para que se recoñeza a violencia vicaria, aquela que exercen contra as mulleres a través dos seus fillos e fillas e sobre o incremento das axudas ás vítimas da violencia machista. Pola contra, expuxo en rolda de prensa, que, "lamentabelmente, non compartimos diagnose a respecto da situación da sanidade pública".

A respecto da crise económica, Pontón salientou que Feixoo recoñece a existencia dunha "crise industrial" e a necesidade de pór medidas eficaces ao respecto. A respecto das industrias electrointensivas, coincidiron, segundo a portavoz do BNG, en que hai que mellorar o decreto que lles afecta e reiteroulle ao presidente da Xunta a proposta para estabelecer unha tarifa eléctrica galega.

Propostas a respecto das infraestruturas

A chegada do AVE, a modernización do ferrocarril, o impulso do corredor atlántico de mercadorías, as conexións ferroviarias de portos como o de Punta Langosteira foron outros dos asuntos tratados.

Destacou Pontón a cuestión das peaxes da AP9. Pediulle a Feixoo que "non retroceda" a respecto do recollido no acordo entre BNG e PSOE para a investidura de Pedro Sánchez como presidente do Goberno estatal para que a bonificación sexa para todas as persoas usuarias da vía.

Propostas para incrementar o autogoberno

Pontón lembrou após a reunión que a Galiza leva 12 anos sen unha transferencia, "a crise da Covid puxo de manifesto que o feito de que outros decidan por nós non é bo" e que "necesitamos adaptar as decisións á nosa realidade". Nese sentido, "hai coincidencia en que é necesario abrir unha nova etapa para o autogoberno galego, empezando por reclamar todas as competencias que xa conseguiron outras nacións". 

"Soliciteille que se active a comisión mixta de transferencias para que o debate das transferencias pendentes se faga con axilidade", afirmou. Lembrou, ao respecto, a transferencia da AP9 e das competencias en materia de costas e de tráfico, "para poder desenvolver unha policía propia".

Propostas para a recuperación económica

En relación ao bloque sobre a recuperación económica, Pontón trasladou a Feixoo que "Galiza ten que seguir pondo sobre a mesa o debate sobre a xestión dos fondos, pois cando se centraliza algo, Galiza perde".

En relación aos fondos Next Generation, Pontón pediu que envíe a documentación "completa" ao Parlamento para que a oposición teña coñecemento real sobre os proxectos e "quen está detrás". "Non deben servir para que unha manchea de multinacionais fagan caixa", advertiu. "Teñen que beneficiar o conxunto do tecido económico do país, as pemes, as persoas autónomas, os sectores máis afectados pola crise", engadiu.

Pontón lamentou que Feixoo non quixese apostar nun "acordo de país". "O Goberno galego optou por outra vía", dixo, "mais creo que é un erro desde o punto de vista político para a Galiza".

Tras a xuntanza con Pontón, o presidente da Xunta reuniuse co líder do PSdeG, Gonzalo Caballero.

Comentarios