A Xunta presenta a súa proposta ao programa cuestionando a imparcialidade do Estado

Máis de 350 proxectos galegos compiten polos fondos Next Generation

Alberto Núñez Feixoo compareceu coa totalidade do seu Goberno ao remate do Consello da Xunta para dar a coñecer os proxectos que presentará ao programa Next Generation, mais o presidente galego e os membros do seu Executivo limitáronse a expor iniciativas xa presentadas con anterioridade.
Alberto Núñez Feixoo comparecendo ao remate do Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)
photo_camera Alberto Núñez Feixoo comparecendo ao remate do Consello da Xunta. (Foto: Europa Press)

A candidatura galega para o programa Next Generation estará integrada por un total de 354 proxectos, cuxo investimento total suma 19.698 millóns de euros. Segundo sinalou o presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, ao remate do Consello da Xunta, “cada un dos 354 proxectos, dos que 247 pertencen ao sector público da Administración e 107 a sectores económicos e industriais, reúnen os requisitos necesarios para poder conseguilos”, porén recoñeceu que unha parte deles non accederán ás liñas de axudas procedentes dos fondos comunitarios.

Feixoo identificou “cinco cadeas de valor, aliñadas cos obxectivos que marca a UE e España” arredor das cales xiran os proxectos avalados desde o Goberno galego. Neste sentido referiuse ás iniciativas no ámbito da “economía circular e transición enerxética; a mobilidade sustentábel, os hubs de innovación, a industria 4.0 e as TIC, a cadea mar-industria e o agro-industria, para potenciar un crecemento cohesionado; e a sanidade, os modos de vida saudábeis e a nova economía dos coidados”.

A aposta pola produción enerxética

O vicepresidente segundo e responsábel da área económica do Goberno, Francisco Conde, incidiu nas liñas enunciadas por Feixoo e detallou o sentido da proposta. Así, significou que a “economía circular e a transición enerxética agrupa 126 proxectos”, a “mobilidade sustentábel abrangue 32 proxectos”, “aos hubs de innovación dixital, á industria 4.0 e ás TICS, pertencen 56 propostas”, á “cadea de valor mar-industria, agro-industria e ligada ao crecemento cohesionado 71 proxectos” e “o eido sanitario, os modos de vida saudábeis e a nova economía dos coidados son os ámbitos de actuación de 69 iniciativas”.

Conde lembrou algunhas propostas xa anunciadas que farán parte das demandas da Xunta da Galiza. Neste sentido, reiterou a aposta do Goberno galego polo hidróxeno verde “promovendo a instalación de plantas de produción” e confirmou a existencia dunha “proposta en firme” coa colaboración de Reganosa para erguer unha factoría nas Pontes. Porén, non sería a única iniciativa neste ámbito, significando, tamén, “os 1.000 megavatios de enerxía eólica e solar que se prevé desenvolver na Galiza como nova potencia renovábel”.

O vicepresidente segundo volveu incidir nas propostas xa coñecidas no ámbito farmacéutico. A este respecto, referiuse ao proxecto do Grupo Zendal, para ampliar a súa fábrica de produción de medicinas no Porriño, así como ás “iniciativas para impulsar o sector da biotecnoloxía e consolidar un ecosistema de I+D+i para o descubrimento”. 

Por outra banda, situou, así mesmo, “como outros dous proxectos tractores, o Polo Aeroespacial da Galiza e o apoio para a dixitalización das pemes”. Neste sentido, precisou que os proxectos do seu departamento se basean na “transición ecolóxica, na transformación e modernización empresarial, na competitividade das pemes e na captación e retención de talento”.

A 'intranquilidade' de Feixoo

Feixoo manifestou na presentación da proposta “a súa intranquilidade por como se desenvolven as cousas”, en referencia á xestión dos fondos por parte do Goberno do Estado español. “Pedimos cogobernanza e queremos participar na xestión dos fondos”, afirmou Feixoo, quen exixiu ao Executivo do Estado “transparencia e certezas” e “unha cogobernanza real para que as comunidades poidan ter unha participación máis activa”.

“Pedímoslle ao Goberno que sexa un árbitro imparcial”, continuou Feixoo, quen puxo de manifesto que a Galiza quere “unha liga aberta”, coas “mesmas regras” e sen que os “árbitros” inflúan no resultado. “Que o árbitro arbitre, mais que sexa imparcial”, destacou o presidente galego, quen volveu a unha liña de belixerancia co Executivo de Sánchez, sinalando que “non pode haber compoñentes e componendas, isto é moito máis importante que tentar pactar con determinadas minorías o diñeiro que é de todos”.

As dúbidas suscitadas por Feixoo a un mes para que o Goberno do Estado formalice a súa candidatura diante da Comisión Europea adiantan un novo choque a conta dos fondos do Next Generation entre o Executivo galego e o estatal. Mentres fontes populares critican a falta de sensibilidade de Madrid ante as propostas galegas, os socialistas consideran que Feixoo “tenta pór a venda antes da ferida” e denuncian que “moitos dos proxectos da Xunta non teñen encaixe dentro do programa europeo”.

Comentarios