Rego sitúa Felipe de Borbón “cos sectores máis reaccionarios e inmobilistas”

Na noite do domingo, era o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, o primeiro en reaccionar ante o discurso do rei español, Felipe de Borbón, cualificado polo nacionalista de “anacrónico, caduco e fóra dos tempos políticos”.

Néstor Rego, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego (Foto: Nós Diario)

De “anacrónico, caduco e fóra dos tempos políticos” cualificou Néstor Rego, portavoz do BNG no Congreso, o discurso de Felipe VI que, tradicionalmente, pronuncia os 24 de decembro.

O nacionalista puxo o foco en denunciar a “defensa férrea da Constitución Española como única garante do respecto dos dereitos e liberdades da cidadanía” que o rei español realizou no seu discurso que, a ollos de Rego, sitúa o monarca “no espazo político e nos mesmos termos que vén utilizando a dereita e a ultradereita, chegando a romper a súa imparcialidade política”.

Así, Rego criticou que o xefe do Estado español “se atreva a negar a realidade plurinacional do Estado e o pluralismo existente na actualidade” cun “discurso excluínte”.

Ademais, o representante do BNG no Congreso lamenta que Felipe VI dedicara “90% do seu discurso” en “enxalzar” a Constitución e non para “falar das verdadeiras preocupacións da cidadanía”, de aí que afirmase que “semella que era un discurso máis sobre as súas propias preocupacións e necesidades e a necesidade de autoreafirmarse como xefe do Estado”.

"Felipe de Borbón non intenta sequera empatizar cos problemas da meirande parte da sociedade e si conscientemente tomar posición política polo discurso que actualmente está realizando a dereita e a ultradereita", considera Rego, que ve en Felipe VI, "o Borbón máis reaccionario" que se expresa "desacomplexado".

Así, no comunicado de prensa, o deputado do BNG advirte de que "o discurso deste ano resulta esclarecedor pola súa protección á Constitución, mais hai que lembrar que a institución máis deslexitimada de todo o Réxime do 78 nestes máis de 40 anos é a monarquía”. “É esa a carta magna a que nega a condición da Galiza como nación e a capacidade para podermos decidir libremente en función dos propios intereses”, engadiu o nacionalista, que cualifica a monarquía española de “anacrónica” e “corrupta”.

Ausencia do xenocidio en Gaza

Non obviou o Rego a ausencia no discurso do rei ao xenocidio perpetrado por Israel en Palestina, “curiosamente, a pesar de que o pasado ano o monarca fixo mención ao aumento do gasto militar e ao conflito na Ucraína, este ano non fixo nin unha soa mención ao xenocidio que está tendo lugar na Faixa de Gaza”, onde milleiros de palestinos “continúan a ser masacrados por un Estado terrorista que continúa a ser apoiado polo amigo norteamericano e sen que existan vías de diálogo, negociación e paz”.

"Felipe perdeu a oportunidade de facer un chamado a que se respecten os dereitos humanos, a legalidade internacional e a que se avance no camiño da paz parando o xenocidio na Palestina" conclúe Rego.

Comentarios