23-X

O Bloque eríxese en garantía "para avanzar na recuperación de dereitos laborais"

Néstor Rego insiste en que "un grupo galego forte" do BNG será decisivo para defender eses dereitos, "fronte aos incumprimentos" do Goberno PSOE-UP.
Néstor Rego participou esta terza feira nun encontro con delegadas e delegados sindicais da CIG en Vigo. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego participou esta terza feira nun encontro con delegadas e delegados sindicais da CIG en Vigo. (Foto: Nós Diario)

O BNG trasladou esta terza feira o seu compromiso de defender no Congreso a derrogación da reforma laboral e da reforma das pensións, e erixiuse en garantía "para avanzar na recuperación de dereitos laborais". Así o manifestou o candidato á Cámara baixa pola Coruña e actual deputado, Néstor Rego, nun encontro con delegados e delegadas sindicais e responsábeis da CIG en Vigo no marco da campaña electoral de cara ao 23 de xullo.

Neste foro volveu insistir en que "un grupo galego forte" do BNG será decisivo para defender eses dereitos, "fronte aos incumprimentos" do Goberno PSOE-UP da pasada lexislatura. Rego chamou a reverter o abaratamento dos despedimentos, recuperar a indemnización de 45 días por ano, os salarios de tramitación e a autorización administrativa en caso de despedimento colectivo, así como a impulsar novas medidas para combater a precariedade laboral.

O candidato nacionalista tamén reiterou o rexeitamento ao proxecto de reforma do sistema de pensións, que incrementará até os 30 anos o período de cómputo. "O Goberno español non só incumpriu os seus compromisos, senón que incorporou novos recortes", apuntou, e volveu a poñer sobre a mesa a proposta do BNG de aumentar as pensións mínimas e o salario mínimo interprofesional para superar a fenda de xénero e a fenda territorial.

Néstor Rego chamou á sociedade galega a "confiar no BNG", dándolle o próximo 23 de xullo "a capacidade decisiva con máis representantes e cun grupo galego forte no Congreso para defender con maior forza os intereses da Galiza e das clases populares".

Pola súa parte, o portavoz municipal do BNG en Vigo, Xabier Pérez Igrexas, que tamén participou no encontro, puxo en valor o traballo do deputado nacionalista no últimos catro anos e subliñou que "o que necesitan os vigueses e viguesas é moitos máis Néstor Rego no Congreso".

Igrexas chamou a concentrar no BNG "todo o voto inconformista e quere unha mudanza real" para reverter o actual contexto de crecente precariedade laboral e de desertización produtiva na cidade, con 7.000 postos de traballo industriais destruídos nos últimos tres anos. "Non é tempo de escoller o mal menor, é momento de avanzar e conquistar mellores condicións materiais de vida e de traballo para a maioría social", manifestou.

Máis en POLÍTICA
Comentarios