Ratificada a suspensión destas mudanzas legais introducidas pola Xunta en materia eólica e de dependencia

O BOE e o DOG recollen a admisión a trámite do recurso de inconstitucionalidade presentado polo Executivo español contra dous artigos da Lei de acompañamento dos Orzamentos de 2025.
O presidente galego, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta da pasada segunda feira. (Foto: Arxina)
O presidente galego, Alfonso Rueda, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta da pasada segunda feira. (Foto: Arxina)

O Boletín Oficial do Estado (BOE) e o Diario Oficial da Galiza (DOG) recollen esta cuarta feira a admisión a trámite do recurso Goberno español ante o Tribunal Constitucional (TC) contra varios apartados de dous artigos da Lei de medidas fiscais e administrativas que acompañou aos Orzamentos da Xunta da Galiza de 2025 —a coñecida como Lei de acompañamento— e que se traducían en cambios legais en materia eólica e de dependencia.

Nos boletíns oficiais faise constar que o Goberno estatal invocou o artigo 161.2 da Constitución, o que produce "a suspensión da vixencia e aplicación" dos preceptos impugnados desde a data de interposición do recurso —30 de setembro de 2025— para as partes do proceso, e desde a publicación do correspondente edicto no BOE para terceiros. O pleno do TC acordou a pasada semana admitir a trámite o recurso de inconstitucionalidade en si.

Entre críticas da Xunta, o Goberno argumenta o seu recurso de inconstitucionalidade en base a que os artigos impugnados poderían vulnerar as competencias exclusivas do Estado sobre bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica, autorización de instalacións eléctricas e transporte de enerxía e réxime mineiro e enerxético.

En concreto, os puntos cuestionados polo Executivo que dirixe Pedro Sánchez son os equivalentes á nova regulación eólica galega —artigo 30 da Lei de acompañamento—, incluída a obriga de repotenciar que fixaba a Xunta no último cambio acometido.

Pero o Goberno tamén manifestou dúbidas da legalidade do punto relativo a vincular o grao de dependencia e de discapacidade, unha vía que a Xunta defende que activou para tratar de axilizar que as axudas chegasen aos destinatarios correspondentes —artigo 45—.

Dúbidas a respecto da normativa eólica

O Goberno español explicou cando formalizou o recurso que as impugnacións relativas ao artigo 30 están fundamentadas na súa "incompatibilidade" coas regulacións estatais existentes en relación co sector eléctrico e, singularmente, en materia de enerxía eólica. Entre outros argumentos expostos no seu día, para o Goberno, a previsión da Xunta relativa á repotenciación de parques eólicos "adoece de inconstitucionalidade", en canto "obriga a substituír un número determinado de aeroxeradores eólicos por outros de maior potencia e menor número, co que regula a chamada repotenciación á marxe da normativa básica estatal".

Agregaba que, baixo o termo repotenciación de parques eólicos, "está a facerse referencia non necesariamente a un incremento na potencia instalada nos parques eólicos existentes, senón á substitución de aeroxeradores autorizados para a súa redución e diminución, coa consecuente modificación dos termos da autorización outorgada e o investimento realizado con base na normativa aplicábel".

Así mesmo, o Goberno incidía en que, ao disporse que "a repotenciación non poderá dar lugar ao incremento da potencia autorizada e ao limitar o inicio das obras, impedindo que se produza antes de 18 meses, contravéñense as bases do sector eléctrico, con previsións normativas que baten co dereito estatal".

En relación cos apartados 19, 20, 21 e 25 do artigo 30, o Goberno cuestiona que pretenden estabelecer a aplicación directa dunha Directiva europea que habilita entre outras previsións os Estados á eliminación da avaliación de impacto ambiental en determinados supostos sen que o Estado, previamente e de acordo coas súas competencias na materia, fixase a normativa básica para o efecto.

Mudanzas no relativo á dependencia

Mentres, o recurso por artigo 45 baseábase, para o Executivo estatal, "na invasión das competencias estatais en materia de regulación das condicións básicas que garantan a igualdade de todos os españois no exercicio dos dereitos e no cumprimento dos deberes constitucionais". En concreto, a interpretación xurídica do Goberno neste caso, é que a Xunta pretendía "entrar a regular cunha perspectiva simplificadora" a discapacidade e a dependencia no réxime económico destas dúas materias, "correspondendo ao Estado a competencia normativa sobre o réxime económico" de ambas.

A Xunta xa incidira en que, á marxe da discrepancia legal, este paso en paralelo —o de acceder a unha porcentaxe de discapacidade determinado ao ter concedido un grao de dependencia— terá efectos na recadación fiscal estatal, por mor das deducións fiscais que corresponderían a quen vexa recoñecida esa discapacidade.

Comentarios