RECORTES

Rajoy volverá a subir impostos ás clases populares para se pregar ao dogma do déficit

De Guindos confirma que en 2013 o PP encarecerá o IVE e os tributos indirectos e reducirá as cotizacións sociais.

Luis de Guindos, ministro español de Economía
photo_camera Luis de Guindos, ministro español de Economía

O presente, e terríbel , 2012 terá ameazante continuación en 2013. Ou esa é a intención do PP, segundo se entende do anuncio realizado tras o consello do goberno español polo ministro de Economía, Luis de Guindos, que sen moverse unha coma do dogma neoliberal da dereita e os mercados adiantou que o ano que vén seguirán aplicando a política de encarecemento da vida para as clases medias e baixas para así cumpriren coa redución de déficit público que lle exixe o poder financeiro.

Os plans do goberno de Mariano Rajoy pasarán pola suba do Imposto sobre o Valor Engadido (IVE), a dos impostos indirectos -como os que gravan o alcol, a gasolina ou o tabaco- e unha nova redución das cotizacións sociais. Con todo iso esperan acadar unha recadación “extra” de 8.000 millóns de euros, cifra que diversas fontes cren que se podería conseguir, ben multiplicada, cunha simple reforma fiscal que afectase ao peto das clases máis altas.

O consello de Ministros tamén presentou un chamado Plan Nacional de Reformas polo cal se atreveu a sinalar que se crearían perto de “dous millóns de postos de traballo”. De Guindos incluso indicou que deses hipotéticos empregos, 1,7 millóns serían grazas á Reforma Laboral, malia que o mesmo día o estado español alcanzou o seu teito de desemprego coa nova norma xa en marcha.

Comentarios