ENTREVISTAS ELEITORAIS/XOÁN CARLOS BASCUAS

“Queremos amalgamar as forzas do cambio”

Son as súas segundas eleccións galegas como candidato. En 2012, con el como cabeza de lista, CxG obtivo 14.600 votos. Xoán Carlos Bascuas (Alemaña, 1970) aspira a se situar no centro entre o bloco autonomista e o soberanista.

bascuas

-Que tal está indo a campaña para Compromiso por Galicia?

-Comezamos a precampaña moi cedo. Tiñamos os cabezas de lista xa no mes de maio. En xullo xa tiñamos efectuadas as nosas primeiras reunións para a elaboración do programa, xuntas con entidades do ámbito social. O noso traballo está a ser moi intenso desde o mes de agosto, non apañamos ferias, estamos pateando o país e dando a coñecer o proxecto de CxG.

-E que receptividade estades tendo?

-Pois a verdade é que moi boa, as cousas como son e non o digo porque esteamos en campaña. Penso que tamén se debe ao alto grao de civismo que hai entre a cidadanía galega por regra xeral. Estamos tendo unha moi boa, moi boa acollida.

-E o obxectivo realista de CxG nestas eleccións onde o situarías?

-O noso obxectivo é ser a forza política que achegue cordura e amalgame as forzas do cambio, isto é, cremos que nós podemos ocupar unha posición central, achegando coa nosa proposta progresista e socialdemócrata ao PSOE e no discurso galeguista, pois, achegando ao Bloque Nacionalista Galego.

-Que che pareceu o debate da CRTVG?

-Foi instrutivo. A cidadanía galega ten unha visión clara de cal é a carta de apresentación de cada unha desas cinco forzas políticas, non? Dito isto, que pode parecer positivo, lamentabelmente houbo ausencia de propostas. Máis que un debate houbo un intercambio de reproches. Creo que a cidadanía merecía moito máis que iso.

-Un debate no que CxG non estivo presente…

-A Xunta Eleitoral Galega actuou dunha forma arbitraria. Non ten ningún sentido que Cs - que nas pasadas municipais presentou 19 candidaturas, nen sequer presentou ningunha en Ourense, que obtivo 16 concelleiros e non accedeu a ningunha alcaldía- participe nun debate en que fica fóra unha organización que apresentou 41 candidaturas propias e participou en dúas coligazóns, obtivo 41 concelleiros e dous máis en cada unha desas coligazóns, e conseguiu 3 alcaldías. Creo que é manifestamente inxusto este criterio, non? Por certo, quero agradecer as mostras de apoio e solidariedade que recebemos, mesmo de persoas de diferentes forzas políticas, o cal mostra que aínda habita algo de democracia no noso país.

-Entre as posicións digamos autonomistas ou que defenden que o Estatuto aínda está por completar -aí estarían Leiceaga e Villares- e as propostas soberanistas do BNG, onde se situaría Compromiso? 

-Pois xustamente nunha situación intermedia. Cando falaba de amalgamar as forzas políticas do cambio referíame a cousas deste teor. Entendemos que o Estatuto de Autonomía actual non está aínda esgotado, pero, con todo, despois de 8 anos sen que houbese unha soa transferencia de competencias, nós cremos que é posíbel acadar competencias como a de tráfico ou a da policía nacional galega e que a súa vez podamos seguir no camiño dunha reforma absolutamente necesaria. Pensemos que comunidades autónomas son as que xa teñen efectuado unha reforma estatutaria e cales non e atoparémonos con que -alén de Euskadi e Nafarroa, que son dúas comunidades cun status especial- veremos que Galiza e A Rioxa son das poucas que non teñen efectuado esa reforma estatutaria. Pensemos no significado que tería para a cidadanía entrar nun proceso de reforma estatutaria, basta con pensar que aconteceu en Catalunya no seu momento.

-Por que cres que hai que votar CxG nestas eleccións?

-Porque hai un espazo político que está por cubrir, que é o do galeguismo como tal. Existe unha forza nidiamente nacionalista como é o BNG e logo existen forzas políticas que ou ben son ambiguas no seu discurso para co país ou que son directamente forzas políticas de obediencia a Madrid e que, xa que logo, priorizan os mandados desde as súas sedes centrais antes do que é interesante para o proprio país. Nese sentido, pensamos que o discurso do galeguismo está aínda por construír e CxG estao a facer e faino investido cun discurso progresista e socialdemócrata, o cal demostra que Compromiso ambiciona ocupar o espazo no que se declara a maioría da cidadanía galega. 

-Vós insistedes moito na ideia de que CxG é un compromiso a meio prazo. Cando cres que chegará o voso momento?

-Nós dicimos que é un proceso en construción. Igualmente que a loita pola defensa da identidade da nosa nación é un proceso continuado e en permanente construción, pois Compromiso leva unha historia paralela á do propio país, isto é, nós temos moito que facer, certamente, pero vaise organizar sempre ligado a unha consolidación territorial, a conseguir unha maior presenza. Queremos que CxG sexa esa forza que cando se estude a historia política do país se vexa que é protagonista, isto é, no futuro, cando se queira constituír un goberno galego, terá que pivotar sempre sobre Compromiso por Galicia.

-Non vos arrependestes durante estes meses de non vos terdes integrados na Marea?

-He, he. A pergunta está ben… Non nos arrepentimos de nada. Cando unha persoa desenvolve un proxecto no que acredita, sexa unha empresa, unha familia, un proxecto vital do tipo que sexa, ten que pelexar até o último segundo polo proxecto no que cre. E nós cremos sinceiramente que a este país lle fai falta unha forza política do noso teor, das nosas características. Esta é a razón pola cal estamos traballando cada día en alcanzar un obxectivo como o que acabo de mencionar, ser a forza que sexa a central e a protagonista á hora de desenvolver a política do país.

-E, xa para rematar a conversa, nese medio prazo do futuro de Compromiso está como tarefa a reunificación do nacionalismo ou é un horizonte no que deixastes de pensar?

-É que reunificar…Eu creo que nunca estivo unificado, estivo xunto, que é un conceito distinto, non? Eu non son pitoniso nen podo determinar o que poda acontecer no futuro. O que si digo é que nós traballamos na nosa propia folla de rota, que é a consolidación da nova forza política galeguista que este país precisa.

Comentarios