Quen é Xan Xove, candidato a liderar a Marea Atlántica nas eleccións municipais da Coruña en 2023?

Hoxe remata o prazo para que as persoas interesadas presenten a súa candidatura a encabezar a lista da Marea nos comicios da cidade herculina.
O candidato a dirixir a Marea Atlántica, Xan Xove. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O candidato a dirixir a Marea Atlántica, Xan Xove. (Foto: Europa Press)

O ex deputado no Parlamento galego Xan Xove opta a liderar a Marea Atlántica na Coruña, de cara ás vindeiras eleccións municipais que decorrerán en 2023, segundo confirmou el mesmo a Europa Press e trasladou tamén por redes sociais.

“Fágoo desde a certeza de que o proxecto da Marea segue sendo imprescindíbel para unha Coruña mellor” e “desde a seguridade de que A Coruña coa Marea Atlántica é unha cidade mellor”, sinalou

Xove asegurou que quere “ser parte desta terceira onda mareante, que manteña todo iso en marcha e máis nun momento duro como este de involución de crise climática e social onde os nosos dereitos cada vez ven máis recortados e cuestionados".

Incidiu na necesidade de que Marea Atlántica siga tendo presenza no consistorio, á vez que defendeu o labor do grupo municipal e as medidas promovidas pola Marea, como a renda social municipal.

Escolla da candidatura 

Polo de agora, só Xove confirmou a súa candidatura. Precisamente hoxe é o día no que fecha o prazo para presentalas. No caso de que outra persoa decida postularse para dirixir a Marea, abrirase un proceso de primarias para decidir o candidato ou candidata que disputará a Alcaldía da Coruña.

O anuncio de Xan Xove tivo varias respostas en redes sociais de militantes e persoas próximas a Marea Atlántica. Entre elas a do ex alcalde da Marea na Coruña, Xulio Ferreiro. "Moitísima sorte a Xan e a todas as persoas que o acompañan na candidatura ás primarias". "Non pode imaxinarse mellor candidato nin mellor equipo. Hai Marea", asegurou.

Ex deputado e fundador de Marea Atlántica

Xan Xove é graduado en Traballo Social. Estivo emigrado 15 anos en Barcelona e Menorca, de onde volveu á Galiza en 2013. Nese mesmo ano deu o salto á política, como un dos fundadores da Marea Atlántica.

Traballador público de Correos, compañía da que foi presidente do comité de empresa na Coruña até 2019, chegou ao Parlamento galego en setembro dese mesmo ano. Fíxoo para substituír Flora Miranda.

Na toma do seu escano, pronunciou as seguintes palabras: “Prometo, por imperativo legal, acatar o Estatuto e a Constitución, namentres non sexan estes textos reformados e derogados, afondando nos seus principios de xustiza social, igualdade e loita por un medio ambiente sustentabel, tal é o desexo da maioria social que me trouxo a este escano”.

Ademais de polo seu labor político, Xan Xove tamén é coñecido pola súa relación co movemento bravú galego. Ademais de pertencer ás bandas Rexumeiros de Elviña e Os Papaqueixos, colaborou con grupos como Jarbanzo Negro, Os Diplomáticos ou Tres Trebóns, entre outros.

Comentarios