A concelleira da Marea Atlántica Claudia Delso renuncia por motivos "persoais e políticos"

A edil da Marea Atlántica no Concello da Coruña Claudia Delso confirmou, a través de redes sociais, que renuncia á súa acta por "cuestións persoais e tamén políticas", de forma que o do día 8 será o seu último pleno municipal.

Delso
photo_camera Delso

Trasladouno esta quinta feira en redes sociais tras comunicalo ao grupo municipal, á coordinadora da Marea Atlántica e á alcaldesa da Coruña, Inés Rei.

En concreto, explicou a súa decisión "de dimitir e deixar o Concello da Coruña antes de que termine a lexislatura". "É unha decisión meditada" que responde a "cuestións persoais", por unha oferta de traballo en Barcelona, e tamén "políticas", di a edil, que enxalza o traballo feito pola Marea Atlántica e mostra o seu agradecemento por estes anos.

En redes sociais, apunta tamén que "unha vez decidida a non renovación do grupo municipal ao completo, esta debe facerse canto antes para que outros compañeiros e compañeiras tomen a substitución tan sa como necesaria".

Na súa despedida, avoga tamén por "construír desde a diferenza" e apela á facer política "con responsabilidade".

Pola súa parte, desde a Marea Atlántica lamentan a marcha de Claudia Delso e trasládanlle o seu agradecemento polo seu traballo, como edil e como responsábel de Participación e Innovación durante a etapa de Xulio Ferreiro como alcalde.

"Co seu traballo, contribuíu a poñer en marcha políticas que significaron novos dereitos cidadáns e abriron as portas do Concello á veciñanza", expoñen desde o partido, que destaca medidas como os orzamentos participativos ou a creación do 'escano cidadán'.

Comentarios