Que está pasando na Marea Atlántica da Coruña?

Candidatura da Marea Atlántica para s eleccións locais de 2019. (Foto:Europa Press)

O anuncio dos cinco concelleiros de Marea Atlántica de non continuar na corporación da Coruña na vindeira lexislatura revolveu o taboleiro político da cidade. Mentres os integrantes da confluencia asumen unha decisión non exenta de complicacións, desde o resto das forzas políticas  non agochan a súa sorpresa.

A Marea Atlántica dos últimos meses é moi diferente daquela candidatura municipalista que asaltou María Pita en 2015. Polo camiño, non só ficaron moitos votos senón que partes dos promotores abandonaron o colectivo. Unha das partes integrantes, Podemos, rompeu as súas relacións co espazo de confluencia e actualmente ten concelleira propia na corporación coruñesa, tras abandonar Isabel Faraldo Marea Atlántica.

Esquerda Unida tamén se baixou do barco ao ser excluídos da candidatura de 2019 os seus militantes. Concretamente esta organización, canda Podemos, leva meses traballando na conformación dunha candidatura para as locais de 2023, co obxectivo de recuperar unha parte de voto  que nos últimos comicios locais recaeu na Marea Atlántica.

As críticas de Sande

José Manuel Sande e Xiao Varela están, tamén, lonxe da formación. O primeiro, concelleiro de Cultura no Goberno de Xulio Ferreiro e, posteriormente, senador de Galiza en Común desde hai tempo non agocha as súas diferenzas co núcleo dirixente de Marea Atlántica

Varela, responsábel de Urbanismo na etapa de Ferreiro, desenvólvese actualmente  como asesor de Galiza en Común no Congreso dos Deputados. A súa renuncia á acta de concelleiro produciuse tras perder a batalla interna co grupo liderado por Iago Martínez.

As loitas de familias deixaron varios feridos e algún mortos no espazo. Sectores críticos do mesmo ou persoas que a abandonaron desde 2019, sinalan a Nós Diario que a tentativa  de “controlalo todo por parte de Iago Martínez e o seu grupo están detrás desta situación”.

As diferenzas internas continúan até hoxe. Neste sentido, desde dentro do espazo comentan a Nós Diario os enfrontamentos entre o sector liderado por Iago Martínez e outros membros do grupo municipal, como o militante da Fronte Popular Galega, Alberto Lema, ou Claudia Delso.

O factor Iago Martínez

O home forte da  Marea Atlántica, Iago Martínez, noutrora todopoderoso xefe de Gabinete de Xulio Ferreiro, é un dos membros do grupo municipal que ten explicado as razóns da dimisión dos concelleiros. Porén, a ausencia de referencias nas súas análises a Lema e Delso evidencian aínda máis as fendas no grupo municipal.

Martínez sinala nunha mensaxe colocada nas súas redes sociais a tentativa da formación en convencer a actual voceira, María García e a concelleira, Silvia Cameán para que encabezasen a candidatura nas vindeiras locais, mais nun unha nin outra aceptaron o reto.

O regulamento interno da formación impide aos representantes de  Marea Atlántica permanecer máis de dous mandatos na corporación, pero este non é caso de Martínez , quen descartou continuar sinalando que “a miña saída de María Pita é unha decisión meditada, compartida e comunicada hai moitos meses e obedece a motivos persoais que non toca debullar agora”.

Os sectores críticos de Marea Atlántica amósanse moi duros con Martínez. “Primeiro dedicouse a depurar Marea Atlántica con métodos propios do stalinismo e agora que está nunha situación límite tírase do barco”, aseguran a Nós Diario.

O ambiente interno, a conflitividade entre as partes  e a caída das expectativas electorais teñen provocado moito desanimo no espazo. Neste sentido, as últimas enquisas sobre intención de voto na Coruña teñen rebaixado de xeito significativo as súa posibilidades electorais. 

Marea Atlántica continúa

Marea Atlántica ven de manifestar hoxe a súa intención de continuar na vida política da Coruña. Nesa dirección, recoñece que “quédalle moito percorrido por diante, para cumprir o obxectivo co que naceu: facer da Coruña unha cidade xusta, verde, feminista e democrática, unha cidade mellor para vivir”

A formación ten por diante un traballo complicado. A este respecto, deben traballar en armar unha candidatura electoral partindo da xestión desenvolta nos últimos anos pero sen referencias sociais recoñecíbeis, nun contexto que non semella propicio para as candidaturas cidadás.

Os vindeiros meses serán politicamente intensos na Coruña. A capacidade de Marea Atlántica en atinar á hora de escoller os seus candidatos vai resultar chave para o seu futuro. Do seu acerto pode depender ou non a gobernabilidade da Coruña.