Malestar en Podemos Galiza pola nova regulamentación interna da Marea Atlántica

A relaxación do teito salarial ou a elección do cartaz eleitoral como parte dunha lista fechada separan o partido morado da reestruturación orgánica recentemente adoptada polo marca que lidera Xulio Ferreiro.

Carmen Santos
photo_camera Carmen Santos, no centro, nunha comparecencia pública

Podemos Galiza non avala as mudanzas introducidas na reorganización interna da Marea Atlántica. Nen partilla a hipótese de incrementar o teito salarial dos cargos públicos -o partido morado ten como tope 3 veces o salario mínimo interprofesional- nen comparte que non se poda elexer o cabeza de lista nunha votación separada da do resto da candidatura.

O conflito advén pola dificuldade de harmonizar os acordos adoptados polo partido de Pablo Iglesias en Vista Alegre II coa organización interna das mareas municipalistas, a comezar pola Atlántica.

En conferencia de imprensa convocada esta segunda feira, a secretaria xeral de Podemos Galiza, Carmen Santos, fixou o criterio de que ningunha persoa da organización participe como tal en candidaturas que non respeitan o código ético do partido. Os militantes de Podemos que vaian en listas municipais que non cumpran cos criterios marcados en Vista Alegre II terán de abandonar a formación morada e integrárense na confluencia a título individual, enfatizou Santos. "Ser de Podemos non é obrigatorio", dixo a dirixente.

Fontes de Podemos Galiza consultadas por Sermos Galiza mostraron a súa "preocupación" polas mudanzas organizativas introducidas pola Marea Atlántica: "Representan obxectivamente un retroceso en termos democráticos".

Aliás, isto non significa que Podemos Galiza vaia retirar o seu apoio a estas mareas. Manteno, embora con certa distancia, mesmo do ponto de vista da linguaxe: no canto de "confluencia" Carmen Santos prefire falar de "alianza" para designar o vínculo do partido morado coas plataformas locais. 

Comentarios