Xulio Ferreiro: “Iñigo Errejón e Pablo Iglesias aproban este proceso”

O alcalde da Coruña, nunha entrevista en Ser Galicia, afirma que non concibe un escenario con “En Marea por un lado e Podemos para outro” e di que a dirección estatal do partido podemita “comprende o que estamos a facer en Galiza”.

Xulio Ferreiro
photo_camera Xulio Ferreiro

O alcalde da Coruña e un dos impulsores do manifesto que alicerzou a marea constituínte para facer de En Marea un partido instrumental non concibe un escenario no que as marés vaian por un lado e Podemos por outro. Así o manifestou Xulio Ferreiro nunha entrevista este domingo en Ser Galicia e na que tirou ferro á vitoria na asemblea xeral de Podemos Galiza, nunha consulta non vinculante,da opción de concorrer en solitario. O rexedor coruñés apontou que nesa xuntanza " votaron unhas 200 persoas fronte as 20.000 inscritas" do partido no noso país e que poderán participar na votación telemática para decidir como van presentarse aos comicios de outono.

Ferreiro, a maiores, indicou que a dirección estatal de Podemos “entende perfectamente o que estamos a facer en Galiza” e destacou o apoio de Iñigo Errejón e Pablo Iglesias en twitter á asemblea do sábado. “Nas últimas semanas o que falei con eles é que apoiaban este proceso”, acrecentou.

Seguindo nesta liña, o alcalde coruñés lembrou que inscritos de Podemos tomaron parte na asemblea de Vigo, na que as marés aprobaron concorrer como partido instrumental. De feito, na coordenadora provisional hai dúas persoas dese partido. “Creo que a xente que está en Podemos non o está para defender unha marca senón un cambio social”.

Candidato

A respecto do candidato, Ferreiro expresou que “esta semana ten que haber nomes de candidatos” para que a mediados de agosto haxa “un panorama claro”.

Preguntado por Luis Villares, o nome que máis está a sonar, Ferreiro dixo que lle parece un candidato “estupendo” mais que hai outros posíbeis “tamén marabillosos”.

Comentarios